Muras arranca este sábado cunha nova edición da Feira do Mel
A Feira do Mel de Montaña de Muras volve esta fin de semana cunha nova edición. A que será a VII edición da feira e a VI da cata con actividades para todos os públicos e tamén co tradicional concurso. "Volverase facer unha feira coma a de antes", subliñou o concelleiro socialista de Muras, Mario Rouco.
Así, o sábado dará comezo o programa precisamente co concurso da calidade do mel, no colexio do Viveiró e con asistencia gratuíta ata completar aforo. Está previsto que participen 11 empresas apícolas de Muras.
Seguirá o relatorio de Jaime Cambra co título Control de Varroa en Apicultura Ecolóxica, a partir das 18.45 horas. Nunha carpa no colexio está prevista unha degustación de liscos a castañas a partir das 20.30 horas.
Rematará a sesión do sábado cunha actuación do dúo Eclipse, a partir das 21.00 horas.
O domingo será a vez da feira, que se iniciará ás 10.30 horas coa apertura de postos ata as 17.00 horas. Segundo Mario Rouco está prevista a participación de 9 postos de produtores de mel. Aos que se sumarán haberá produtos de tempada, como cárnicas, queixo, castañas, licores e pan, entre outros.
Haberá un espazo destinado para os máis pequenos con actividades desde as 11.00 horas, que se repetirán ás 16.30. E para os maiores está prevista, ás 12:30 horas unha mostra de xantares e degustación a cargo de Beatriz Soteo, na praza do Viveiró antes do xantar. Esta famosa chef substitúe a Lucía Freitas, que finalmente non poderá acudir á cita do domingo por un imprevisto.
Pola tarde, ás 16:30, haberá un Showcooking de coctelería con mel, a cargo de Diego Mosquera, tamén na praza. Remtará a programación coa entrega de premios do concurso de calidade do Mel, na praza do Viveiró.
Rouco indicou tamén que estará aberta a hostalaría local e contarán ademais cunha polbeira e. un bar. Durante todo o día ademais haberá animación musical cunha charanga.