Muras aumentará as axudas da luz tras chegar a un acordo con Iberdrola

TerraChaXa
Trátase dun acordo “histórico”, xa que por primeira vez unha empresa eólica negocia directamente cun concello este tipo de compensacións
lámpadas-iluminación
12 Jan 2026

O Concello de Muras incrementará as axudas municipais destinadas a aliviar o custo da factura eléctrica grazas a un acordo acadado con Iberdrola, que suporá tamén unha mellora significativa dos ingresos municipais. O pacto permitirá aumentar a contía que perciben os veciños e veciñas e consolidar un modelo pioneiro de retorno social da produción eólica no territorio.

Muras é o municipio galego con maior número de parques eólicos, con vinte instalacións e máis de 380 aeroxeradores, e leva máis dunha década destinando fondos propios a subvencionar o recibo da luz da poboación empadroada. Ata o de agora, as axudas tiñan un límite máximo de 700 euros anuais por persoa, cun investimento municipal duns 100.000 euros ao ano.

Co novo acordo, esa limitación económica deixará de existir, o que permitirá incrementar a contía das axudas, que podería achegarse aos 900 euros anuais, aínda que a cifra definitiva aínda está pendente de concretar. Ademais, o Concello deixará de asumir con fondos propios o custo destas subvencións, o que suporá un aforro directo no seu orzamento anual.

En virtude do convenio, Iberdrola achegará 125.000 euros fixos ao ano ao Concello de Muras para financiar as axudas á electricidade, unha cantidade que se actualizará conforme ao IPC. A maiores, o goberno local percibirá o 2,5 % do valor da produción eléctrica do parque eólico que será repotenciado, unha achega variable que se calculará anualmente e que non superará os 200.000 euros, ata un total de 14 millóns de euros na vida útil do parque.

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, destacou que se trata dun acordo “histórico”, xa que por primeira vez unha empresa eólica negocia directamente cun concello este tipo de compensacións, marcando un precedente no sector. As negociacións iniciáronse a comezos de 2023, tras facerse pública a intención de Iberdrola de renovar tecnoloxicamente os parques existentes no municipio.

O acordo tamén inclúe novas liñas de apoio para pequenas e medianas empresas asentadas en Muras, que contan actualmente cunha axuda máxima de 1.500 euros anuais para o pago da luz, contía que poderá revisarse ao alza coa entrada en vigor do convenio.

A repotenciación do parque eólico suporá a redución dos 74 aeroxeradores actuais a tan só oito, aos que se sumarán outros tres no concello de Ourol, cun investimento estimado duns 43 millóns de euros. A pesar da diminución do número de muíños, manterase unha produción elevada grazas á nova tecnoloxía instalada.

Ademais das achegas económicas, o acordo recolle outras medidas complementarias, como a posibilidade de que a veciñanza acceda a bolsas da Fundación Iberdrola, a prioridade para que os propietarios recuperen terreos en desuso tras a repotenciación ou a cesión gratuíta de solos para usos agropecuarios. Tamén se contempla a reposición de camiños e pistas municipais unha vez rematadas as obras.

Con este pacto, o Concello de Muras reforza o seu compromiso de redistribuír os beneficios xerados pola enerxía eólica entre a poboación local, consolidando un modelo no que a produción enerxética se traduce en melloras directas para a veciñanza e o desenvolvemento do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.075122117996216