Muras celebra as súas patronais esta fin de semana


Muras celebrará esta fin de semana as súas festas patronais, na honra a San Pedro e a Virxe da Caridade do Cobre, que darán comezo o venres 27 e que se alongarán ata o domingo 29 de xullo.
As celebracións iniciaranse cunha gran chourizada e liscada de balde para a veciñanza a partir das 21.30 horas, á que seguirá unha verbena, a partir das 22.30 horas, con M3 Show.
O sábado, día grande haberá misa solemne pola mañá, a partir das 13.00 horas, seguida da tradicional procesión. A sesión vermú estará ao cargo do grupo Fuego. A programación completarase á noite coa gran verbena, na que estará de novo Fuego xunto a Trébol.
O domingo 29 a misa abrirá de novo a programación, seguida da procesión, na que participará o grupo de gaitas Axóuxere. Non faltará tampouco a sesión vermú, que estará ao cargo de Mar de Arousa e que terá unha duración maior para poñer o punto e final aos festexos.
As festas están organizadas polo Concello de Muras.
