Muras celebra este sábado a Romaxe Artesá
O Concello de Muras celebra mañá a quinta edición da Romaxe Artesá da Chaira, unha festa na que se busca a reivindicación dos oficios tradicionais e sobre todo a dinamización do medio rural como lugar de creación de vida.
O Concello decidiu optar por esta celebración unha vez que a situación do virus está sendo controlada e "por xa é tempo de comezar a facer cousas sempre que se manteñan as debidas normas sanitarias", explicou o alcalde, Manuel Requeijo.
O Concello contará cunha programación na que figuran moitas das actividades previstas para o ano pasado, que tivo que ser suspendida como o resto de festas e feiras debido á cuarentena.
A Romaxe Artesá da Chaira do 2021 será algo diferente pero mantendo a esencia das edicións anteriores. Así, haberá exposición de artesanía e demostracións en directo dos diferentes artesáns. Estes protagonistas da feira estarán situados en carpas e irán rotando nas súas mostras para evitar aglomeracións. Estas abrirán ao público a partir das 12.00 horas e pecharán sobre as 19.00 horas.
Tamén está previsto celebrar obradoiros para adultos e tamén para nenos, entre as previsións figura un taller de elaboración de pandeiretas e outro de xoguetes, este último dirixido aos pequenos da casa.
No capítulo de actuacións está prevista unha para nenos ás 16.00 horas a cargo de Gramola Gominola, a banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo. Así mesmo, haberá teatro de títeres ás 18.00 horas. Estará a cargo de Trécola coa obra Tolitates.
Non faltará tamén unha actuación para os máis maiores, nesta ocasión contarán coa presenza de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, que ofrecerán o concerto que non puideron dar o ano pasado. Rematarán a noite cunha charla de iniciación á astronomía e interpretación do ceo nocturno.
Ademais, durante todo o día haberá xogos tradicionais a cargo de Dínamo, en sesión de mañá e tarde, e un photocall na entrada da feira a cargo de Pilar López Cupeiro, que estará todo o día.
A Romaxe levarase a cabo baixo diferentes carpas e con estricto control de aforos para evitar aglomeracións. Tamén será obrigado o cumprimento das normas sanitarias actuais como o uso de máscara, a limpeza de mans e a distancia de seguridade.