Muras celebra o 24 de maio a IX Romaxe Artesá da Chaira cunha ampla programación


A área recreativa da Veiga acollerá o vindeiro sábado 24 de maio a IX edición da Romaxe Artesá da Chaira, unha cita consolidada que promove o Concello de Muras coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O evento foi presentado esta tarde nun acto no que participaron a deputada de Cultura, Iria Castro, o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, a tenente de alcalde, Paula Gómez, a concelleira de Servizos Sociais, Azucena Camba, o artesán Marcos Ladra e as representantes da Asociación de Mulleres Rurais de Muras, Pilar e Fina Carballido Amor, quen fixeron entrega ao Concello dunha talla en madeira do escudo do municipio.
O alcalde Manuel Requeijo lembrou os inicios da Romaxe, impulsada pola Asociación de Obradoiros Artesáns da Chaira, e destacou a esencia rural, labrega e artesanal de Muras: “Sempre estaremos agradecidos por traernos esta idea e colaborar na súa organización ao longo destes anos”. Subliñou tamén a calidade dos expositores, seleccionados pola súa traxectoria contrastada, e a programación diversa e pensada para todos os públicos, especialmente para as familias con crianzas.
Pola súa parte, a deputada Iria Castro puxo en valor a aposta do Concello por unha oferta cultural dirixida á xente nova e destacou que “a colaboración desde a área de Cultura busca achegar propostas culturais e de lecer a todos os recunchos do territorio, tamén aos concellos rurais”.
A carpa da feira contará con 24 postos de artesanía —ocupando todo o espazo dispoñible— e abrirá ás 11.00 horas. Durante a xornada haberá múltiples actividades vencelladas aos oficios tradicionais, como unha demostración de tallado de escultura a cargo de Borja Insua, un obradoiro de iniciación ao gravado en madeira para persoas adultas e outro de elaboración de galletas, a cargo de Torta de Sarria, dirixido á cativada.
As Mulleres Rurais de Muras tamén exhibirán as pezas elaboradas nos seus obradoiros de madeira, nos que participaron arredor de vinte persoas ao longo do ano. Ademais, a área recreativa acollerá unha exposición fotográfica sobre os seus traballos, realizada por Mayder Pumariño.
A música será un dos pratos fortes da Romaxe, con actuacións infantís de Peter Punk e Brais das Hortas (13.00 h), Pakolas (17.00 h), xogos tradicionais con Xotramu (11.00 e 16.00 h) e a ambientación previa ao xantar coa Mekánika Rolling Band (14.00 h). O alumnado do IES Basanta Silva ofrecerá unha exhibición de regueifas ás 12.00 h. O broche final da xornada porano o grupo emerxente Lina e Lola (20.00 h) e a mítica formación Milladoiro (21.15 h).
