Muras celebra o domingo unha nova edición da Feira do Poldro

TerraChaXa
Comezará coa cualificación do gando de cara ao concurso morfolóxico organizado por Puraga
presentacion-feira-do-poldro-muras
21 sep 2024

O Concello de Muras celebrará este domingo, 22 de setembro, unha nova edición da Feira do Poldro, co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A programación seguirá a liña de anos anteriores abrindo as súas portas ás 10.00 horas para comezar coa cualificación do gando de cara ao concurso morfolóxico organizado por Puraga. Outra das actividades clásicas que repite é a escultura con motoserra, un dos eventos máis demandados e que ofrece tamén a posibilidade de contar cun recordo físico da celebración. Este ano está prevista a talla dun tratante.

Despois do concurso está previsto un desfile de montura tradicional e cabalos engalanados, unha actividade novidosa coa que se pretende recuperar un anaco máis da cultura tradicional. Completa o programa matinal unha demostración de serradura e degustación de hamburguesas.

Non faltarán as carreiras, que se desenvolverán pola tarde, xunto ao bautismo hípico, inchables e a animación musical. Despois do éxito acadado na Romaxe Artesá da Chaira, tamén poderá visitarse ese día a mostra de fotografías elaborada por Mayra Pumariño coas lembranzas dos veciños. Pechará a xornada coa entrega de premios.

Tamén haberá un posto co proxecto RURALtXA e actividades hípicas e inchables para nenas e nenos. A música será a cargo do Dúo Gaia e No Cómbaro.

A deputada Iria Castro, o alcalde de Muras Manuel Requeijo e a tenente de alcalde Paula Gómez -coordinadora do programa da feira-, acompañadas polo presidente da Asociación de Cabaleiros Atila Benigno Gómez, presentaron no Alto da Gañidoira o programa da feira, que pon en valor a tradición gandeira e promociona a carne de poldro.

Paula Gómez destacou a tradición da feira “que cumpre trinta e seis edicións poñendo en relevo a actividade gandeira, moi importante no concello de Muras, e exaltando e promocionando a carne de poldro e de vacún, un produto autóctono e de gran calidade, de animais criados en liberdade e cunha alimentación natural".

A tenente alcalde, coordinadora do programa da feira, destacou tamén que “é un día de recoñecemento a avós, avoas, nais, pais, veciñas e veciños que xa non están con nós pero que nos ensinaron moito sobre o mundo cabalar e vacún, sobre o valor da constancia, da palabra e do trato" e agradeceu "a gran colaboración dos gandeiros e gandeiras que trasladan os seus animais a Gañidoira, que son quen realmente conforman a feira"

Iria Castro valorou “a tradición desta feira gandeira que, ademais de xerar unha actividade económica importante, supón unha oportunidade para recoñecer e trasladar ao conxunto da sociedade o valor ambiental, social e cultural da gandería e dos sistemas tradicionais de cría no monte” e destacou “o traballo do goberno municipal para desenvolver iniciativas e proxectos vinculados ao aproveitamento dos recursos naturais para dinamizar económica e socialmente o concello”

O recinto feiral non contará nesta edición con gando vacún, como medida preventiva ante a incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e da lingua azul.

 

0.15322494506836