Muras celebra unha xornada de observación astronómica na noite do 12
A Sociedade Galega de Historia Natural e a Asociación Fotografa Ferrolterra organizan en Muras unha nova noite gratuíta de observación astronómica para familias na noite do 12 ao 13 de agosto, con acampada incluída se se desexa para ver as Perseidas.
O lugar elixido é un emprazamento único en Galicia, xa que o ceo desta localidade lucense conta co distintivo de Destino Turístico Starlight polos seus baixos niveis de contaminación lumínica.
O programa de actividades comezará ás 20:00 horas, coa distribución dos espazos de acampada, que estará seguido pola charla sobre telescopios e aparellos de observación a cargo do coordinador xefe da sección de astronomía da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Marcos López, ás 20.45 horas.
Ás 21.30 horas os asistentes realizarán unha parada para cear, que correrá a cargo de cada un deles.
A actividade continuará cunha charla ás 22.30 horas sobre a contemplación dos ceos impartida por Paulino Gasalla, da SGHN, e co que será a última e unha das partes máis esperadas da noite: unha actividade de fotografía e observación con telescopios ás 00.00 horas.
Aquelas nenos e nenas, acompañados polos seus proxenitores, que desexen pernoitar no lugar poderán facelo e na mañá gozarán dun almorzo tamén gratuíto a cargo da organización.