Muras celebrará o 25 de maio a Romaxe Artesá da Chaira
O Concello de Muras ten previsto celebrar o día 25 de maio a oitava edición da Romaxe Artesá da Chaira, unha festa na que se busca a reivindicación dos oficios tradicionais e sobre todo a dinamización do medio rural como lugar de creación de vida.
No cartel que fixo pública a organización xa se coñecen algunhas das actuacións previstas para esta cita cultural. Así, contarán con Fillas de Cassandra, Pan Sen Fron, Mekanika Rolling Band e Peter Funk.
O Concello aínda está perfilando a programación, na que figuran moitas das actividades que se celebraron en anos anteriores, agás no 2020 cando non houbo pola pandemia.
As previsións son que haberá exposición de artesanía, xogos tradicionais e demostracións en directo dos diferentes artesáns. Tamén acostuman facerse obradoiros para adultos e para nenos.