Muras celebrou un nova edición da Feira do Poldro
Muras celebrou un nova edición da Feira do Poldro, coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A tenente de alcalde e coordinadora da Feira, Paula Gómez, valorou “moi positivamente” a xornada e agradeceu “a colaboración das ganderías que arrimaron o ombreiro e trouxeron todos os animais que puideron tanto para a feira como para as carreiras e o desfile de monturas, enchendo os curros e o recinto feiral de actividade.
Tamén agradeceu a visita de todas as persoas que se achegaron hoxe a Muras, así como “da asociación de cabaleiros Atila e Puraga, que colaboraron na organización e nas actividades”.
A responsable municipal explicou que “é unha feira moi importante para a veciñanza, polo que asumimos a organización coa responsabilidade de intentar que todos se sintan recoñecidos, representados e co seu lugar”.
A querencia de Muras pola feira e a gandería remarcouse cun photocall á entrada do recinto cun texto en que se definía a feira como “un día que Muras leva no peito” e se lembraba a “avós, avoas, nais, pais, veciñas e veciños que tanto nos ensinaron desde mundo cabalar, da constancia, do traballo, do valor da palabra, da supervivencia e de saber tourear a arte do trato”.
Ademais dos curros cos animais á venda, unicamente gando cabalar, xa que se optou por non incluír vacún de forma preventiva ante a incidencia da EHE, o recinto acolleu actividades como unha demostración de ferraxe de cabalos, unha exhibición de escultura de madeira, un desfile de montura tradicional e carreiras de andadura, así como numerosos postos de comida. Un dos máis concurridos foi o de degustación de hamburguesa de carne de Pura Raza Galega, no que esgotaron as existencias.