Muras dará saída á Raid Gallaecia

TerraChaXa
10 Maio 2019

Muras foi o lugar escollido para dar a saída ao Raid Gallaecia 2019, que se disputará na Mariña do 12 ao 15 de maio do 2019. A proba inclúese no circuíto das series mundiais -a terceira cita, tras Paraguai e Australia- e será a única en España e unha das dúas que se celebrarán en Europa xunto á do Reino Unido. O Raid Gallaecia trátase dunha competición de aventura na que a orientación xoga un papel decisivo e combínase co deporte extremo. Ao longo dos 500 quilómetros do percorrido os equipos -que deberán incluír polo menos unha muller- deberán atravesar tramos inhóspitos practicando trekking (carreira de montaña a pé), tirolina, espeleología ou barranquismo, entre outras disciplinas.

A carreira partirá de Muras, percorrerá todos os concellos da Mariña e Viveiro será o epicentro. Na cidade do Landro hospedaranse todos os participantes, que poderían roldar os 200 dunhas 24 nacionalidades, e instalarase a liña de meta. Os equipos dispoñen de cinco días (120 horas) para completar o percorrido, aínda que se espera que os primeiros empreguen unhas 80 horas. Os dous mellores cuartetos accederán directamente ao campionato mundial.

Os conxuntos franceses, neozelandeses e escandinavos encabezarán o ránking de favoritos nunha proba que prohibe os dispositivos electrónicos que faciliten a orientación e na que os deportistas deberán exprimir ao máximo os seus corpos, e polo seu posto as súas mentes, para non fracasar no intento.

Trátase dunha carreira de aventuras por equipos, necesariamente mixtos, ou por parellas que une trekking, MTB, kayak, rappel, espeleoloxía e orientación cun total de entre 74 e 120 horas totais de competición. O percorrido transcorrera polos 16 concellos da Mariña así como por Muras e o municipio asturiano de Castropol, sendo Viveiro centro neurálxico e punto de meta. Unha singular proba de preto de 500 quilómetros que contará con participantes de Estonia, Polonia, Francia, Holanda, Suíza e incluso de Uruguai e Brasil, ademais de equipos de diversos puntos da península”.

Campos Conde explicou que “trátase doutra boa oportunidade para exportar o noso patrimonio natural como atractivo turístico e deportivo. Temos moito máis que ofrecer ademais das praias; o interior da Mariña é unha zona descoñecida para moitos, cun gran potencial polo seu valor ecolóxico e turístico”.

Os equipos estarán localizados en cada momento grazas a tecnoloxía creada especificamente para este tipo de probas, que ademais permitirá monitorizar o cumprimento das normas e os puntos de paso máis interesantes para poder observar a competición.

0.083329916000366