Muras exponse como un exemplo de xestión de renovables nunhas xornadas en Madrid

TerraChaXa
Manuel Requeijo narrou en Madrid a experiencia de Muras, que levou a unha notable redución da factura eléctrica para veciñas e veciños.
muras madrid conferencia luz
1 Apr 2023

Manuel Requeijo narrou na Universidade Rey Juan Carlos a experiencia deste concello lugués que levou a unha notable redución da factura eléctrica para veciñas e veciños. O que esperta interese fóra de Galicia.

O rexedor murense participou convidado á xornada celebrada na sede de Argüelles da Universidade Rey Juan Carlos, Madrid. Dende ás 11 ata ás 13 horas foron analizadas e debatidas unha escolma de boas prácticas na instalación de renovables no territorio peninsular co caso de Muras (Lugo) como exemplo no eido eólico. Un debate no que se escoitaron voces desde o territorio, as empresas, as administracións, a sociedade civil e os medios de comunicación. Na mesa redonda tamén participaron e intervieron Víctor Marcos, director de Enerxías Renovables e Mercado Eléctrico do IDEA; Sara Pizzinato, responsable da campaña de Enerxías Renovables de Greenpeace; Benjamín Llaneza, CEO de Aurinka e Rosa Tristán, xornalista ambiental, moderados por Amaya Asiain, responsable do Departamento de Comunicación de Ecodes.

O marco para o debate foi o traballo realizado pola Fundación Ecoloxía e Desenvolvemento (Ecodes) “Casos de éxito na implantación de enerxías renovables” (adxuntado). Encargado pola Universidade Rey Juan Carlos recompila proxectos fotovoltaicos e eólicos “que demostran un aproveitamento renovable con especial respecto á biodiversidade e con especial consideración á poboación local”.

Ante “a situación de rexeitamento ás enerxías renovables en parte do territorio nacional” o estudo identifica trece complexos como exemplos de deseño de modelos de implantación de enerxías renovables con aceptación social: desde a selección do emprazamento ás actuacións previas coas poboacións locais, accións durante a fase de construción e medidas para a integración socioeconómica nos territorios.

E no caso da eólica o primeiro caso que se destaca é o de Muras, que alberga no seu termo 20 parques eólicos desenvolvidos entre 1995 e 2009. Con algo máis de 163 km cadrados e 614 habitantes ten unha potencia instalada de 485 MW repartidos entre 381 aeroxeradores das empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento.

Coa chegada dun novo equipo de goberno en 2015 o concello logrou reconducir unha situación desfavorable tras prácticas de dubidosa ética nos momentos iniciais dos proxectos, como a venda de terreos a prezos ínfimos e ameazas de expropiación. A implicación traduciuse na posta en marcha de axudas directas ao pago da factura da luz condicionadas ao nivel de renda, o que permite abaratar o recibo doméstico cun impacto económico e enerxético na vida da veciñanza. Así, os recursos van a subvencionar actuacións que mellora a calidade de vida xeito directo. O tope da axuda é de 600 euros anuais.

O rexedor de Muras tamén foi convidado a falar desta experiencia o pasado xaneiro no salón de Graos da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC) nun debate sobre experiencias locais de produción e comercialización de enerxía eléctrica.

0.16009783744812