Muras investirá en accesos no rural preto de 440.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental

O Concello de Muras deu un novo paso para a execución de obras de mellora na rede viaria municipal tras aprobar en pleno extraordinario o inicio do proceso de licitación dun proxecto valorado en 439.924,81 euros. Estes traballos financiaranse con cargo aos máis de 500.000 euros que lle corresponden ao municipio no marco do Fondo de Compensación Ambiental para este ano.
O alcalde, Manuel Requeijo, explicou que, aínda que a Xunta de Galicia non validou definitivamente as actuacións presentadas —entre as que tamén se inclúe a mellora dun local en Chao de Currás—, o goberno local decidiu adiantar a tramitación para axilizar os prazos, xa que se trata dunha contía que supera o 10% do orzamento municipal e require aprobación plenaria.
As intervencións previstas darán continuidade á liña de actuación do pasado exercicio e permitirán acondicionar accesos en diferentes puntos do termo municipal, como Os Orxás, Casa Lousada, Rego, Funqueixeira, O Curro, A Restrebada, O Vilariño, O Aguillal, Carelle, Forcós, Santirso e Currás. O obxectivo, segundo destacou o rexedor, é mellorar a mobilidade e facilitar o día a día da veciñanza nun concello caracterizado pola dispersión dos núcleos de poboación e o envellecemento demográfico.
A proposta saíu adiante co respaldo do equipo de goberno e do concelleiro non adscrito, mentres que os grupos do PP e do PSOE optaron pola abstención. Dende o grupo popular, a súa portavoz, Eugenia Requeijo, incidiu na necesidade de manter diálogo coa veciñanza á hora de executar as obras, mentres que o edil socialista Julio Díaz valorou positivamente calquera actuación destinada á mellora das infraestruturas locais.