Muras lanza por décimo ano consecutivo as axudas da luz ao consumo doméstico

O Concello de Muras volve convocar por décimo ano consecutivo as axudas da luz ao consumo doméstico, unha iniciativa pioneira tanto en Galicia como no resto do Estado, coa que busca compensar á veciñanza polo impacto da instalación de aeroxeradores e garantir o acceso á enerxía en condicións dignas. Máis do 90% da poboación solicita estas achegas, o que demostra a excelente acollida desta medida social.
As axudas, enmarcadas dentro da Liña 1 do programa municipal, teñen como obxectivo sufragar total ou parcialmente o custe do consumo eléctrico habitual nos fogares, e este ano inclúen un incremento notable: poderanse recibir ata 700 euros por unidade familiar, segundo o tramo de renda.
Dende a súa posta en marcha en 2016, o Concello de Muras consolidou esta medida como un dos piares fundamentais da súa marca de municipio, baseada no aproveitamento dos recursos naturais ao servizo do benestar da súa xente. O obxectivo a medio prazo é acadar o gasto cero na factura eléctrica para a maior parte da veciñanza.
As achegas benefician directamente á calidade de vida da poboación, contribuíndo tamén a fixar poboación no territorio e a combater a pobreza enerxética.
O prazo para solicitar as axudas estará aberto dende o 1 ao 31 de xullo. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude de forma presencial no rexistro do Concello de Muras, de luns a venres en horario de 08:00 a 12:00 h, ou a través da sede electrónica municipal. As bases completas publicaranse nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
As contías segundo renda per cápita anual varían. Os de menos de 15.000 euros recibirán a totalidade do subvencionado, cun máximo de 700 euros anuais. Entre 15.001 e 22.000 euros será o 90%, ata 600 euros. No seguinte tramo (22.001-29.000 euros) reciben o 80% do consumo, cun límite de 500 e para os recibos de máis de 29.001 euros será o 70% do consumo, cun máximo de 200 euros.
Con esta nova convocatoria, o Concello reafirma o seu compromiso cun modelo de desenvolvemento sostible e equitativo, onde a veciñanza se sitúa no centro das políticas públicas.