Muras: Pendentes dun pacto
O BNG de Muras, que rozou a maioría absoluta, tentará reeditar o pacto co PSOE coa nova concelleira. A lista de Manuel Requeijo volve ser a máis votada.
CONCELLEIROS ELECTOS
◆ Manuel Requeijo Arnejo (BNG)
◆ Paula Gómez Souto (BNG)
◆ Cristina Franco Pardo (BNG)
◆ María Eugenia Requeijo Chao (PP)
◆ Julio Díaz Díaz (PP)
◆ Damián Prieto Sardiña (PP)
◆ Mª Jennifer Gómez Galego (POE)
As eleccións en Muras deixaron un panorama moi similar ao dos pasados comicios. O BNG e o PP repartíronse máis do 80% dos votos dunha maneira moi parella, de feito só tres votos deixaron á lista de Manuel Requeijo como a máis votada co 43,65% dos votos.
Foi elevada a abstención para o volume da veciñanza, co 10%, e só un voto protesta en branco.
Nunha localidade onde cada voto conta, o BNG perdeu 3, o PP gañou 14 e o PSOE caeu 41, estando nalgúns momentos da votación fóra da corporación.
De cara ao futuro, o BNG, que aspira a revalidar o Goberno, como lista máis votada ademais, espera reunirse coa nova concelleira do PSOE, Jennifer Gómez, para intentar chegar a un acordo de goberno similar ao que mantiña con Mario Rouco, o anterior cabeza de lista do grupo socialista.
Manuel Requeijo aspira a manterse no cargo para manter en activo o seu proxecto estrela, as axudas ao pago da factura da luz, que son xa un exemplo a seguir por universidades, escolas e outros gobernos.
Destaca tamén o seu obxectivo de revitalización da vida económica, social e cultural da localidade como as bases do programa a desenvovler nos próximos 5 anos, así como a posta en marcha do polígono industrial.
O equipo popular presentouse co obxectivo de “cambiar o actual estado de cousas, caracterizado por prazas e rúas sucias, xardíns en mal estado, estradas deterioradas, servizos deficitarios e unha xestión totalmente partidista”.