Muras pon en valor a carne de poldro na trixésima edición da súa feira coa hamburguesa gourmet Gañidoira

TerraChaXa
A Feira do Poldro e do Gando do Monte que se celebrará o domingo 24 de setembro, como vén sendo habitual, no alto da Gañidoira cumpre 30 anos.
pres 30feirapoldro
14 sep 2017

A Feira do Poldro e do Gando do Monte que se celebrará o domingo 24 de setembro, como vén sendo habitual, no alto da Gañidoira cumpre 30 anos.

Pero as distintas actividades organizadas arredor da figura dos cabalos esténdense case ao longo do mes de setembro. Así, comezan este venres 15 cunha charla sobre o lobo e a súa relación co gando e os espazos protexidos da man do grupo de opinión O-Xan ao longo de toda a mañá no local social de Muras. O rexedor local apunta que “será un bo momento para achegarse a escoitar distintas opinión sobre a xestión do lobo nestes espazos”.

Tamén este venres 15 comezan as III Xornadas Degustación de Carne de Poldro que se prolongarán durante as dúas vindeiras fins de semana antes da feira nos dous locais de hostalería de Muras onde Café Bar Santi ofrecerá “carne de poltro ao caldeiro” e “carne de poltro en salsa”, mentres que Café Bar A Volta servirá “carne de poltro estofada” e “arroz con poltro”. Tamén participa nas xornadas Picapán Casa Vituco, no Viveiró, ofrecendo “croquetas da carne de poltro ao caldeiro” e “albóndigas de carne de poltro e porco celta”. En tódolos casos a tapa é gratuíta acompañando unha consumición.

“Este ano modificamos o premio para que alcance a máis xente e poda resultar máis atractivo participar nestas xornadas; xa que se sortearán tres entradas para o club termal do Spa Attica 21 de Santaballa entre aquelas persoas que teñan consumido as seis tapas das xornadas”, segundo avanza a tenente de alcalde, Belén Chao.

Xa no terceiro fin de semana de setembro, o correspondente á feira, terá lugar un roteiro polo Xistral para a observación dos cabalos en liberdade organizado por PURAGA. Será o sábado 23 con saída dende o alto da Gañidoira ás once e media da mañá en microbús para achegarse ao alto do Xistral onde se poderá comprobar o comportamento dos animais, a súa influencia na paisaxe, etc. A volta desenvolverase arredor das dúas do mediodía cara a Casa Cándida no Viveiró onde se desenvolverá unha degustación de produtos con carne de poldro. O prezo da actividade é de 15 euros.

Xa pola tarde haberá actividades e xogos ecuestres da man de Atila xa no alto da Gañidoira onde se desenvolverán unhas olimpíadas rurais antes da degustación de petiscos –empanada de poldro e chourizos de carne de porco celta e poldro- e a animación musical dun dj.

O propio día da feira a programación comeza ás dez e media da mañá coa apertura da feira e a cualificación dos animais. De feito, xa está aberto o prazo para solicitar curros e presentar os animais ao concurso de gando. Neste caso é necesario transmitilo ao Concello de cara á organización dos veterinarios cualificadores.

De xeito paralelo á feira desenvolveranse actividades infantís a partir das once da mañá sempre que o tempo acompañe na nova zona habilitada para a feira ao lado dos expositores de maquinaria e de animais de razas autóctonas. En caso de choiva, estas actividades trasladaranse á carpa.

Tamén dirixidos aos máis pequenos desenvolveranse paseos a cabalo de balde entre as once da mañá e as sete da tarde.

A partir das once e media da mañá Atila terá preparada a celebración dunha xincana cabalar no mesmo escenario no que se desenvolverá a tradicional carreira. E no centro deste circuíto desenvolverase unha exhibición canina e un obradoiro de disco tamén a partir das once e media que se estenderá ata a unha do mediodía.

Ás doce do mediodía as actividades trasladaranse á parte de arriba do alto da Gañidoira onde os impulsores e impulsoras desta feira do poldro recibirán un recoñecemento na carpa do Concello.

Outra das iniciativas que se presentará na feira será a “hamburguesa gourmet Gañidoira” que cociña Antonio Díaz –do restaurante Andarubel das Fragas do Eume- e que se poderá degustar por un prezo popular de 1 euro ata as dúas e media da tarde. “É que este ano un dos obxectivos da feira, a parte da compra-venda de gando, é a posta en valor a carne de poldro que sirve tamén para facer pratos de calidade. É que non é unha carne de segunda, senón todo o contrario ben pola cría dos animais coma polas propias características desta carne”, como defende Belén Chao, a responsable da organización da feira.

Xa pola tarde continuarán as actividades cos concursos morfolóxicos de Pura Raza Galega divididos en dúas seccións segundo sexa machos ou femias –de catro a cinco-, a exhibición de andadura libre e a carreira de cabalos –a partir das cinco e media- para a que será necesario inscribirse antes das doce da mañá do propio día da feira contactando coa Asociación de Cabaleiros de Muras, Atila. Ao seu remate desenvolverase a entrega de premios que ascenden a un total de 4.575 euros.

Este ano, en conmemoración do 30 aniversario da Feira do Poldro, haberá unha exposición fotográfica sobre estes anos da feira.

Festa de Interese Turístico Galego
O rexedor local, Manuel Requeijo, cre que “cada ano lle damos un pulo máis a esta cita”. De feito, “este ano iniciamos o camiño para convertela en Festa de Interese Turístico e agardamos ter xa este recoñecemento o ano que vén”. Polo momento, o Concello en presentado xa a documentación acreditativa ademais de abordar este mesmo asunto coa propia conselleira.

Segundo o alcalde “a cita cumpre os criterios para a súa declaración como tal”. Algúns deles son a presentación de documentación que acredite a súa celebración dende as primeiras edicións que foi posible grazas á información publicada nos medios e que se tivese feito publicidade da mesma fóra da comunidade. Neste sentido dende o Concello “temos feito publicidade da mesma na pasada edición en xornais, radios e televisións de fóra da comunidade e este ano faremos o mesmo de cara ao cumprimento deste requisito”.

O característica propia e singular que defenden dende o Concello sobre esta feira “é o propio trato entre os gandeiros que se mantén xa en poucas”.

0.20058083534241