Muras presenta a súa XXXI edición da Feira do Poldro

TerraChaXa
Muras vivirá a fin de semana do 22 e 23 de setembro unha nova edición dunha das celebracións máis populares do Concello, a Feira do Poldro e do Gando do Monte na Gañidoira.
poldro_portada
19 sep 2018

Muras vivirá a fin de semana do 22 e 23 de setembro unha nova edición dunha das celebracións máis populares do Concello, a Feira do Poldro e do Gando do Monte na Gañidoira.

Esta será a edición número XXXI dunha celebración que todos os anos involucra a centos de veciños e visitantes nunha mostra na que a natureza en estado puro ten o seu máximo esplendor.

A festa manterá a estrutura de anos anteriores coa celebración  dunhas xornadas gastronómicas nas que participarán os mesmos tres bares doutros anos A Volta, Santi e Picapán Casa Vituco. Os tres ofrecerán as fins de semana entre os días 14 e 23 degustacións de tapas co poldro como base da súa elaboración. Todos aqueles que queiran degustar as tres tapas recibirán un selo en cada establecemento e cos tres poderán acceder ao sorteo dunha estancia no Hotel Spa Ática 21 de Vilalba o día da feira.

CELEBRACIÓNS PREVIAS

Aínda que o día propio da feira será o domingo 23, o sábado anterior haberá tamén actividade, que dará comezo ás 19.30 horas. Estas están dirixidas aos gandeiros que baixan os animais aos curros esa mesma tarde. Así, todos eles poderán participar nunha sorte de olimpiadas rurais e haberá unha degustación de produtos elaborados con carne de poldro, ademais de empanadas e porco celta. Todo isto estará amenizado por un Dj.

O domingo a actividade dará comezo pola mañá cedo coa chegada do resto dos animais aos curros e co comezo de concurso de gando que organiza o Concello e que contará cun xurado formado por tres veterinarios da clínica Rof Codina. Este tradicional concurso está aberto a todo o mundo e poden consultarse as bases do mesmo na web do Concello. Haberá premios para os tres mellores nas categorías de semental cabalar, egua, lote cabalar, semental bovino, vaca, lote bovino e cría bovina do ano. No apartado de maior número de cabezas de gando repartiranse cinco premios e tamén haberá distinción para a mellor cría cabalar do ano. Así mesmo, todos os que leven máis de dous animais recibirán 50 euros.

Ademais deste concurso, Puraga organiza tamén outro morfolóxico que terá lugar tamén pola mañá e que será unha das novidades desta edición.

Non faltarán tampouco as actividades para os máis pequenos con paseos a cabalo para nenos de balde durante todo o día e a popular degustación da Hamburguesa Gañidoira na Carpa do Concello a partir das 14.00 horas, que terá un prezo de dous euros.

Entre as novidades deste ano está tamén unha exhibición de poda en altura e tamén destacan os roteiros polo Xistral para visitar os cabalos no seu hábitat natural, unha actividade que se realizará en pequenos grupos durante todo o día e que estará a cargo de Puraga.

Pola tarde será o tempo das carreiras. Este ano, ademais da tradicional carreira de afeccionados haberá outra para profesionais que organiza o Jockey Club Galicia para federados con premios de entre 600 e 50 euros para os catro primeiros clasificados de cada manga. As carreiras darán comezo ás 16.20 horas e as de afeccionados terán lugar a continuación. Nesta última haberá dúas categorías (con alzada superior e inferior a 1,50) e con premios que oscilarán entre 0s 125 e os 75 euros.

Ademais de todo isto, haberá diferentes exposicións, de maquinaria, razas autóctonas e fotográficas.

feirapoldro
programamuras
0.20936298370361