Muras presenta a nova edición Romaxe Artesá da Chaira do 25 de maio
Muras prepara a VIII Romaxe Artesá da Chaira, que se celebrará o vindeiro 25 de maio na área recreativa da Veiga coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O evento presentouse este mediodía nun acto en que participaron a deputada de Cultura, Iria Castro, o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, a tenente de alcalde Paula Gómez e a concelleira de Cultura Cristina Franco, xunto á artesá Iria Pigueiras e á fotógrafa Maider Pumariño.
A responsable de Cultura de Muras detallou o programa desta nova edición da Romaxe que describiu como “unha festa da artesanía e da cultura galega, que demostra o potencial da tradición como fonte de inspiración e de coñecemento para o presente e o futuro” e destacou “a aposta por unha programación para público novo e familiar, na que persoas de todas as idades atopen algo do seu interese”. Nesa liña, subliñou a vontade de manter “o espíritu das celebracións e merendas familiares que tradicionalmente acollía a carballeira da Veiga”.
A deputada Iria Castro valorou “a aposta do Concello de Muras por unha programación pensada para o público máis novo” e encadrou o apoio á organización da Romaxe “na colaboración que desde a área de Cultura se mantén con concellos e asociacións para facilitar o acceso á cultura en todo o territorio, xa que entendemos que as mellores propostas culturais e lúdicas teñen que estar presentes tamén nos concellos rurais”
Coindicindo coa Romaxe estrearase tamén unha exposición de fotografías antigas, que se amosarán na área recreativa da Veiga e que se manterá de forma permanente logo na Casa do Médico.
Artesanía e música
A área recreativa da Veiga acollerá arredor de 25 postos de artesanía, con diferentes actividades pensadas para dinamizar o espazo e fomentar a participación e a interacción do público. Entre elas, unha demostración da Asociación de Mulleres de Insúa, que recuperaron o cultivo e os traballos tradicionais do liño, obradoiros de coiro con Tres Caracoles, de elaboración de complementos coas redeiras artesás de Illa da Estrela e de cestería aplicada ao interiorismo e á iluminación coa artesá e deseñadora Julia de la Cal de La Parabólica, así como unha charla do divulgador Luís do Río, estudoso dos “sancosmeiros”, que conta cunha gran proxección nas redes sociais. As Mulleres Rurais de Muras tamén mostrarán na Romaxe as pezas de madeira e coiro que realizaron nos cursos de obradoiros de artesanía que desenvolven ao longo do ano.
No tocante á programación musical, a Romaxe Artesá da Chaira contará coas actuacións de Fillas de Casandra, do grupo de voz e percusión Pan Sen Fron e de Mekanika Rolling Band, e cos espectáculos musicais de Peter Punk e Brais das Hortas, pensados para o público infantil. Ademais, alumnado do IES Basanta Silva amosará os froitos dos obradoiros de regueifas que se desenvolven no centro. As propostas lúdicas completaranse con demostracións de billarda e diferentes xogos populares.