Muras presenta unha nova edición da Feira do Poldro
O Concello de Muras celebrará o vindeiro 22 de setembro unha nova edición da Feira do Poldro, co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A deputada Iria Castro, o alcalde de Muras Manuel Requeijo e a tenente de alcalde Paula Gómez -coordinadora do programa da feira-, acompañadas polo presidente da Asociación de Cabaleiros Atila Benigno Gómez, presentaron no Alto da Gañidoira o programa da feira, que pon en valor a tradición gandeira e promociona a carne de poldro
A actividade no recinto feiral arrancará ás 10.00 horas e prolongarase durante toda a mañá con actividades como a cualificación de gando, exhibición de escultura de madeira con motoserra, un concurso morfolóxico de Puraga, demostración de ferraxe, desfile de montura tradicional e cabalos engalanados e carreiras de andadura. Ás 12.30 horas as persoas asistentes poderán degustar a hamburguesa Gañidoira, con carne de poldro 100 % Raza Autóctona.
O espazo acollerá unha exposición fotográfica – Muras, recordos e identidade. A identidade exténdese ata onde chegan os recordos – de Maider Pumariño Riguera, un posto co proxecto RURALtXA e actividades hípicas e inchables para nenas e nenos. A música será a cargo do Dúo Gaia e No Cómbaro.
Paula Gómez destacou a tradición da feira “que cumpre trinta e seis edicións poñendo en relevo a actividade gandeira, moi importante no concello de Muras, e exaltando e promocionando a carne de poldro e de vacún, un produto autóctono e de gran calidade, de animais criados en liberdade e cunha alimentación natural".
A tenente alcalde, coordinadora do programa da feira, destacou tamén que “é un día de recoñecemento a avós, avoas, nais, pais, veciñas e veciños que xa non están con nós pero que nos ensinaron moito sobre o mundo cabalar e vacún, sobre o valor da constancia, da palabra e do trato" e agradeceu "a gran colaboración dos gandeiros e gandeiras que trasladan os seus animais a Gañidoira, que son quen realmente conforman a feira"
Iria Castro valorou “a tradición desta feira gandeira que, ademais de xerar unha actividade económica importante, supón unha oportunidade para recoñecer e trasladar ao conxunto da sociedade o valor ambiental, social e cultural da gandería e dos sistemas tradicionais de cría no monte” e destacou “o traballo do goberno municipal para desenvolver iniciativas e proxectos vinculados ao aproveitamento dos recursos naturais para dinamizar económica e socialmente o concello”
O recinto feiral non contará nesta edición con gando vacún, como medida preventiva ante a incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e da lingua azul.