Muras recibe medio millón de euros para proxectos de abastecemento das parroquias

TerraChaXa
A Xunta de Galicia achega 517.
17 Aug 2018

A Xunta de Galicia achega 517.000 euros ao concello de Muras cos que financiará integramente diversos proxectos que inclúen a dotación de abastecemento a varios núcleos de poboación ou a instalación de caldeiras de biomasa en locais municipais, entre outras iniciativas orientadas á conservación, reposición e restauración do medio ambiente e a avanzar no reequilibrio territorial.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, detallou estas achegas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que inciden na mellora das infraestruturas e servizos municipais. En concreto, explicou, a Xunta achega 283.000 euros para dotar dunha nova rede de abastecemento aos núcleos de Abelaira, Ucheiras e Cabanela, Musdradas e Abidueira, e mellorar o servizo no núcleo de Coruxos.

Igualmente, destina 112.800 euros á adquisición de diverso material, orientado tanto ao coidado dos espazos naturais do municipio como á posta en marcha dunha aula itinerante de interpretación da natureza. Así, financia a compra dunha carpa e dos elementos precisos para organizar nela xornadas de formación ambiental, como un proxector, ordenador portátil, equipo de megafonía, mesas e cadeiras.

As achegas reforzarán o servizo municipal de medio ambiente con novo equipamento e coa contratación de persoal. Así, o concello adquirirá unha folla quitaneves, un cortacéspede e 10 novos contedores para a recollida de lixo, e tamén poderá contratar a dez traballadores: un técnico, un auxiliar administrativo para a coordinación documental e oito peóns forestais. O custo total dos contratos ascende a case 61.400 euros.

Por último, a Consellería de Presidencia achega 60.000 euros para o proxecto de substitución das caldeiras de gasóleo por outras de biomasa na Casa Consistorial e no local social do concello, o que suporá un importante aforro enerxético para o concello e tamén un importante beneficio social ao reducir a emisión de gases contaminantes á atmósfera.

Balseiro sinalou que este conxunto de medidas “crean postos de traballo, impulsan a protección ambiental e paisaxística e, en definitiva, melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas, na liña do esforzo que está a realizar o Goberno galego para crear as condicións que permitan fixar poboación nova no rural”.

0.16358280181885