Muras renova por catro anos máis o seu certificado de municipio Starlight

A Fundación Starlight, entidade que concede a acreditación de municipio starlight, procedeu a renovar o galardón tras avaliar positivamente os avances logrados polo Concello de Muras nos últimos catro anos. Así, esta cualificación queda validada ata o 2028, data na que se volverá a repetir a valoración dos parámetros esixidos para manter este distintivo (requisitos ambientais, estratexias de alumeado intelixente e innovación, organización de actividades, etc.).
O Concello de Muras conta co selo starlight desde decembro de 2020, sistema de certificación que acredita a lugares con excelente visibilidade para a contemplación dos ceos estrelados e a práctica de actividades turísticas baseadas neste recurso natural.
A renovación do galardón confirma o compromiso do municipio cun turismo sostible ligado á observación astronómica e constitúe tamén unha defensa da calidade do seu ceo, o acceso a luz das estrelas e aos diferentes valores asociados (culturais, científicos e naturais).
Nesta liña, o Concello de Muras desde o ano 2020 puxo en marcha diversas iniciativas para potenciar o astroturismo coa realización de múltiples actividades de contemplación de ceos, ruta de sendeirismo nocturna pola Serra do Xistral, obradoiros infantís, etc. Cada unha destas accións supón un importante reclamo turístico para o destino, logrando atraer 200 visitantes por evento que se achegan a descubrir un dos moitos e variados atractivos que posúe o municipio.
Ante a boa acollida das anteriores edicións, xa están programadas dúas novas actividades de observación astronómica para este verán, que se levarán a cabo o 20 de xuño e o 29 de agosto.
En ámbalas dúas actividades ofrécese a posibilidade de acampar na área de autocaravanas do Viveiró, situada ao carón da antiga Escola do Viveiró, recentemente acondicionada e reformada para a mellora da súa eficiencia enerxética e da luz.
Foto de Marcos López Alonso.