Muras será o centro da terceira etapa da Volta a Galicia

TerraChaXa
Os ciclistas percorrerán 150 quilómetros por estradas da Mariña e a Terra Chá, na xornada “máis longa e esixente” da proba galega
presentacion volta ciclista muras
10 sep 2021

Muras será saída e meta da terceira etapa da XIX Volta a Galicia, que se disputará o vindeiro 18 de setembro cun percorrido de 150 quilómetros polas estradas da Mariña e a Terra Chá.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, e o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, acompañados por representantes da Federación Galega de Ciclismo, visitaron este xoves un dos puntos máis elevados da ruta, o Alto da Amosa, a escasos dez quilómetros da meta da etapa, “a máis longa e esixente da Volta”, segundo explicou o director da proba, Jacobo Ucha.

Os ciclistas sairán desde Muras cara ao Alto da Gañidoira, pasando despois polos concellos do Valadouro, Alfoz e Mondoñedo, para volver cara a Muras por Abadín e Vilalba.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, destacou as condicións que ofrece a zona para “que se vexa unha proba espectacular a nivel deportivo” e sinalou tamén a potencialidade do ciclismo para “dar a coñecer a riqueza paisaxística e os recursos turísticos do interior da Mariña e da Terra Cha”.

Nese senso, o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, incidiu no dinamismo que o paso da Volta a Galicia xenerará “na hostelería” e tamén “no coñecemento do concello a nivel turístico”. Explicou tamén que a decisión de acoller este tipo de eventos deportivos responde a unha inquedanza da veciñanza máis nova do municipio.

A área de Deportes achega 10.000 euros para a organización da etapa lucense da Volta a Galicia, un escaparate para ciclistas das categorías Elite e Sub 23, que preparan o seu salto ao ciclismo profesional. Nesta dezanove edición, da que se disputaron dúas etapas en Ponteareas e que concluirá cunha cuarta en Cariño, participan 17 equipos da Península.

0.16903591156006