Muras terá un campamento de Nadal e adornará dúas árbores
O Concello de Muras organizará este Nadal un campemento para rapaces durante os días non lectivos e non festivos do mes de decembro e xaneiro, agás o día de Noiteboa e o de Fin de Ano.
Este campamento desenvolverase no local social de Muras con 25 prazas para as que é necesaria a inscrición no Concello. Trátase dunha actividade coa que se pretende axudar a conciliar a vida laboral dos pais coa época de vacacións dos máis pequenos e, ao mesmo tempo, darlles unha ocupación atractiva e formativa para estes días.
O campamento rematará cunha festa para os pequenos, aberta a todos, coa participación dos paxes e dos cabaleiros da asociación Atila, que terán algunha sorpresa para os asistentes.
O programa de Nadal arrincará xa o día 22 cunha representación de títeres a cargo de Mircromina Teatro, que porá en escea a obra 5 historias para unha man. Será o domingo 22 ás 17.00 na sala de actos da Casa do Médico. Dita actuación está subvencionada pola Deputación.
O día que remata a escola os rapaces recibirán no centro ao apalpador, que lles contará uns contos e lle traerá diferentes sorpresas.
Muras contará tamén con alumeado de Nadal que xa está instalado e novamente unha árbore na praza do Concello volverá lucir adornado como o ano pasado, xa que foi unha atracción demandada polos propios veciños. De feito, outra árbore, no Viveiró, será tamén adornada "para descentralizar as actividades e facer partícipes tamén as parroquias".