Muras, único concello galego escollido para o proxecto Catastral A Finca
O Concello de Muras foi elexido o único concello galego para facer a revisión catastral A Finca. O Catastro contra o reto demográfico. Este proxecto piloto traballará nunha mellora catastral complicada e necesaria en Muras, e na que se leva traballando cinco anos.
Ao abeiro deste programa, o pasado 25 de marzo o concello recibiu a visita do xerente do Catastro, a responsable da Contribución Rústica do Catastro, o responsable de Informática e a responsable de Urbana.
"O papel dos concellos é crucial neste proceso, e tras a final do proxecto os titulares dos inmobles terán datos depurados e actualizados co axuste parcelario ben feito. As tramitacións e inscricións sempre serán de balde e ao final o titular poderá descargarse certificacións sobre os seus inmobles", explican dende o Concello.
Avanzaron tamén que levarán a cabo o proxecto ao completo e comezarán por constituír unha xunta pericial para levar adiante este proxecto co que se pretende unha coordinación entre administracións para a identificación dos inmobles inscritos e que non teñen titular.
Dentro deste programa traballarase en diferentes puntos como a coordinación das administracións para evitar papeleo; a publicidade do proxecto e do seu procedemento co cidadán e as administracións; a identificación no territorio dos inmobles inscritos; a identificación do dominio público; o axuste do parcelario; a actualización das direccións postas e inscricións correctas no Rexistro; a depuración das titularidades en investigación, en secuenciais ou falecidos; a identificación de terras en desuso e marxinais; a atención ao público dende o comezo do procedemento, e a resolución de todos os expedientes, alegacións e recursos que se presenten durante o proxecto.