Música, tute, bolos e recordos para estender a comida veciñal da Rigueira
Un cento de veciños e veciñas de Rigueira, na Pastoriza, participarán este sábado 26 de agosto na súa tradicional comida anual no local social.
O programa organizado pola Asociación de Veciños da Rigueira inclúe un xantar amenizado polo grupo musical Nubeiros -financiado pola Deputación Provincial a través do prograama 'Musiqueando'- e outras actividades de lecer. Entre elas, atópase o tute como unha das grandes afeccións entre a veciñanza da parroquia ou os bolos que anos atrás reunía nas fins de semana a afeccionados a este xogo tradicional que agora recuperan coa instalación dunha pedra para o asentamento dos bolos.
Pero ademais desta estrea, tamén aproveitarán para inaugurar unha exposición de fotos anteriores á década dos 80 que recolle actividades propias dos labores agrícolas, festas, feiras, procesións ou incluso a primeira voda que se celebraba na parroquia coa noiva vestida de branco. A mostra instalarase de xeito permanente no teleclub tralas súas obras de rehabilitación e mellora.
As mesmas fotografías inclúense nun álbum deseñado por Presume de Pueblo que, baixo o seu obxectivo de apertura a novas incorporacións, recolle tamén un estudo sobre o recoñecido gaiteiro das Curuxeiras e as coplas que a familia dunha veciña atopaba na casa familiar tralo seu falecemento.
https://www.facebook.com/PresumedePueblo/videos/1814833918763229/