Na poxa da Granxa Gayoso vendéronse 55 reses
A Deputación de Lugo vendeu por máis de 50.000€ as 55 cabezas de gando bovino da Granxa Gayoso que presentou nunha poxa pública celebrada este venres. A institución provincial vendeu 28 frisoas e 27 cachenas a través deste procedemento de concorrencia, que tivo lugar nas propias instalacións da Granxa, en Castro Ribeiras de Lea, e que foi a primeira poxa deste tipo que se celebra desde a chegada da pandemia.
O prezo máis alto pagouse por unha vaca frisoa, pola que abonaron 3.150€. Da raza cachena, a poxa máis elevada foi a dunha vaca con cría ao pé, pola que chegaron a pagar 1.410€. Entre os exemplares máis cotizados, un macho pinto polo que pagaron 2.600€.
A poxa foi en vivo, a man alzada, e con sistema ascendente, de xeito que comezou por un prezo de saída que se foi incrementando a través de sucesivas poxas, en tramos de 10€, ata que quedou un único participante, ao que se adxudicou o exemplar interesado ao prezo de remate ou prezo da última poxa realizada polo mellor ofertante. En total participaron máis de 25 persoas.
O prezos de saída variaron en función das características dos exemplares. O prezo de saída máis baixo foi de 105€ e o máis alto, de 705€.
Mediante a Granxa Gayoso Castro e os diferentes proxectos de investigación e recría de raza autóctona, a Deputación de Lugo impulsa o sector primario da provincia, dende unha visión global e estratéxica do territorio e dende o coñecemento da súa realidade e oportunidades.