Na provincia recicláronse 7.324 toneladas
Cada lucense depositou o pasado ano case 23 quilos de residuos nos contedores amarelo e azul; en conxunto, suman máis de 7.324 toneladas de material para reciclar, rexistrándose un incremento notable de máis do 12,7% na recollida de envases lixeiros con respecto ao 2019.
Co obxectivo de continuar mellorando as taxas de reciclaxe, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a entidade sen ánimo de lucro Ecoembes asinaron un convenio coa Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti para impulsar as boas prácticas medioambientais.
Ao abeiro deste acordo, a Federación celebrará accións de sensibilización co fin de concienciar aos veciños e veciñas da importancia de reciclar para evitar o impacto ambiental que xeran os residuos e, en última instancia, contribuír a frear o cambio climático. Organizará cando menos unha sesión informativa dirixida por un educador ambiental de Ecoembes que, entre outros obxectivos, servirá para resolver dúbidas acerca da correcta separación de residuos nos fogares, xa que aínda se detectan elementos impropios nos contedores amarelos.
Os lucenses malia o contexto social marcado pola pandemia foron capaces de reciclar unha media de 11,6 kg de envases lixeiros -que en total superan as 3.714 toneladas de plásticos, latas e briks- e 11,2 kg de papel e cartón -3.610 toneladas-.
Salientaron que esta implicación é mais doada grazas á rede organizada por Ecoembes, que o ano pasado incrementou a súa infraestrutura en preto de 200 novos contedores, para chegar a un total de 5.706 amarelos e 2.026 azuis na provincia.
A Xunta e Ecoembes desenvolven distintas campañas de dinamización acerca da reciclaxe, entre as que se conta a iniciativa Únete ao reto, na que os concellos participantes intentan elevar en máis dun 10% as súas cifras de recollida de envases lixeiros. Na edición do pasado ano participaron 15 municipios galegos, entre eles Viveiro, que superou o reto e recibiu un premio de 2.000 euros para destinar a unha causa social da súa elección.