Nace a Asociación Nacional de Municipios para unha Transición Enerxética Xusta

TerraChaXa
Os alcaldes dos municipios españois afectados polo peche das centrais térmicas acordaron, nunha reunión celebrada esta semana na localidade de Carboneras (Almería) a creación da Asociación Nacional de Municipios para unha Transición Enerxética Xusta, ao abeiro da Declaración de Carboneras.
Captura de pantalla 2019 09 11 a las 11.28.36
9 Nov 2019

Os alcaldes dos municipios españois afectados polo peche das centrais térmicas acordaron, nunha reunión celebrada esta semana na localidade de Carboneras (Almería) a creación da Asociación Nacional de Municipios para unha Transición Enerxética Xusta, ao abeiro da Declaración de Carboneras.

Nesta declaración, asinada polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; o alcalde de Los Barrios, Miguel Fermín Alconchel; o alcalde de Cubillos del Sil,  Antonio Cuellas; o alcalde de Cerceda, José García Liñares; o alcalde de La Robla, Santiago Dorado e Jose Luis Amérigo, alcalde de Carboneras, sublíñase a necesidade de poñer en marcha esta asociación ante a"aparente firmeza das decisións empresariais anunciando o peche de instalacións de enerxía en emprazamentos con persoas que cambiaron a súa tradicional forma de vida para que o sistema enerxético español contase coa maior estabilidade da historia; en emprazamentos con persoas que deron a súa vida para que o benestar de todo o país se situase entre os primeiros do mundo, en emprazamentos con persoas hoxe anciás, adultas, mozas e novas que saben o que é a xenerosidade, a disposición e o compromiso cos demais; en definitiva, en emprazamentos onde hoxe, as persoas, ven en perigo o seu benestar, onde o seu desenvolvemento é limitado e o seu futuro está lonxe dos seus".

Os rexedores presentes neste encontro amosaron o seu respaldo unánime e a súa positiva disposición para a posta en marcha desta asociación que terá como obxectivo esencial a defensa dos dereitos dos cidadáns que viven nos emprazamentos afectados polas políticas de transición enerxética.

Esta entidade terá entre as súas finalidades a posta en marcha de accións dirixidas a solicitar e esixir aos organismo públicos, con competencias na materia, (Comisión Europea, Goberno do Estado e Comunidades Autónomas e Deputacións) o desenvolvemento dun cambio de modelo progresivo e consecuente.

Así como solicitar ás empresas enerxéticas, con instalacións nos emprazamentos afectados, a súa implicación directa a través da disposición, aprobación e achega de fondos directos e concretos para cada territorio.

Asemade, nace coa intención de participar na elaboración dos plans de desenvolvemento e inversión que se creen desde os diferentes organismos públicos e promover e realizar cantas actividades sexan precisas para a consecución dos seus fins, defendendo os intereses e os dereitos dos cidadáns dos emprazamentos afectados polas políticas de transición.

A Asociación Nacional de Municipios para unha Transición Enerxética Xusta, ten a pretensión de estar vinculada á Federación Española de Municipios e o seu número de socios ampliarase, entrando a formar parte da mesma outras localidades con instalacións enerxéticas afectadas pola transición enerxética así como municipios con centrais térmicas, nucleares ou de conxeneración que xa amosaron o seu interese para integrarse na entidade.

Esta asociación estará presidida por Valentín González, ostentando o cargo de vicepresidente o alcalde de Cubillos de Sil. O rexedor de Los Barrios (Cádiz) será o secretario-tesoureiro da asociación mentres que os alcaldes de Cerceda e Carboneras serán vogais e a súa sede estará ubicada no municipio de Cubillos del Sil (León)  

Por outra banda, durante este encontro, os rexedores acordaron as próximas tarefas, estratéxicas e a curto prazo, que se deben poñer en marcha para paliar os dous principais efectos que terán os posibles peches das centrais térmicas nos emprazamentos afectados: o dano económico e social en materia de emprego, seguridade e inversión e o prexuízo causado nas economías municipais.

0.19336080551147