Nace a nova asociación cultural Caldaloba en Vilalba
Vilalba viu nacer moitas asociacións ao largo da súa historia, e a máis recente é a Asociación Cultural Caldaloba, unha entidade que xorde co ánimo de promocionar a cultura nos seus distintos eidos, literario, histórico, artísticos, etnográfico....
A asociación xurdiu dunha xuntaza de persoas con similares inquedanzas culturais e que desexaban dar saída aos proxectos que cadaquén puideran propoñer.
O nome deste colectivo vén dado pola historia e cultura que implica un nome tan forte e tan recoñecido na Chaira, ademais de porque a todos os membros lles pareceu moi boa idea.
"O que buscamos dende a asociación é a resistencia na procura dunha corrente cultural na que prime a calidade ante a cantidade, a dignificación da esencia que defina a Matria e a defensa da Cultura de noso", define Martiño Maseda, presidente da asociación.
Seguindo estas premisas, buscan achegarse á colaboración con outras entidades co gallo de tecer e fortalecer unha rede cultural e colectiva e na que se consiga desterrar o concepto da cultura de balde.
Para asociarse non hai requisitos, simplemente o desexo de formar parte dun proxecto cultural que valore o traballo das persoas. "De momento e dado que estamos nos inicios, tan só hai once persoas asociadas", comenta Maseda, "aínda que contamos ir sumando adeptos a este bonito proxecto cultural".
Dentro dos obxectivos, como en calquera proxecto que acaba de nacer, están cargados de ilusión. Así, ademais das iniciativas propias, que acheguen os socios e que entren dentro da viabilidade de realización, queren sumar ideas e proxectos con outras entidades nos que a cultura se achegue á sociedade e tamén a implique. "Pero sempre tendo en conta que nos interesa a calidade do que desexemos ofrecer por riba da cantidade", di Martiño.
"Agora mesmo xa estamos colaborando co Concello de Vilalba na realización de actividades coma o Día de Rosalía, o Día da Poesía, o Día do Libro, e outras que se están programando e que iremos publicando unha vez se achegue a data para que a xente poida participar nas mesmas", relata o presidente de Caldaloba.
Tamén teñen en marcha outras colaboracións como a axuda para a organización e convocatoria do Certame de Poesía Torre de Caldaloba ao carón do Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino.