Nace a plataforma Galiza sen Gas, contraria ao hidroduto Guitiriz-Zamora

TerraChaXa
Co apagado definitivo da central de carbón das Pontes en outubro pasado, a plataforma Galiza, un futuro sen carbón viu cumprido o seu obxectivo de pór fin ao uso do carbón na nosa terra antes de 2025.
plataforma galicia sen gas
3 Dec 2023

Co apagado definitivo da central de carbón das Pontes en outubro pasado, a plataforma Galiza, un futuro sen carbón viu cumprido o seu obxectivo de pór fin ao uso do carbón na nosa terra antes de 2025. Agora, xusto cinco anos despois do seu nacemento, transfórmase en Galiza sen gas para demandar o abandono do gas fósil antes de 2035.

"O fin da xeración eléctrica con carbón foi un enorme logro climático do que nos felicitamos. Así, a caída do 95,5% na produción das centrais térmicas de carbón acontecida entre 2018 e 2021 foi, de lonxe, a causa principal do descenso do 34% nas emisións galegas de gases de invernadoiro no mesmo período (2021 é o ano máis recente con datos oficiais sobre as emisións)", din.

Porén, o atraso na transición enerxética está a facer que unha parte importante do oco deixado polo carbón na produción eléctrica sexa ocupado polo gas fósil, tamén chamado gas natural. Segundo o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), o consumo galego de gas fósil medrou o 47,4% entre 2016 e 2021, sobre todo na xeración eléctrica. O gas é o combustible fósil máis empregado hoxe en Galicia, tanto na xeración eléctrica como na de calor.

"O gas fósil está a ter un papel excesivo na nosa transición enerxética. O seu uso incluso medrou máis que o do total das renovábeis durante o que levamos de século (1). A utilización do gas fósil como respaldo das renovábeis na produción eléctrica e como fonte de calor pode e debe diminuír rapidamente mediante a redución do consumo enerxético e o desenvolvemento renovábel. Despois do carbón, o seguinte combustible fósil a abandonarmos é o gas fósil, pois o emprego do petróleo, do que aínda son extremadamente dependentes o transporte e o sector primario, terá que alongarse un pouco máis que o do gas", engaden.

No seu manifesto fundacional (2), a plataforma Galiza sen gas proponse catro grandes obxectivos. Por unha parte que se deixe de queimar gas fósil para producir electricidade antes de 2030 e para obter calor en fogares, servizos e industria antes de 2035. E acabar axiña coa súa utilización no transporte, que é moi residual.

Tamén queren o peche da regasificadora de Mugardos antes de 2030 e o abandono inmediato por parte da Xunta do accionariado de Reganosa, enerxética da que detén o 28,6% do capital.

Reclaman a prohibición inmediata das importacións de gas obtido mediante fracking, por ser a técnica máis impactante (razón pola que foi prohibida en España), así como o cesamento da importación de gas que contribúe a financiar guerras ou procedente de países inmersos en conflitos bélicos. Neste sentido, cómpre suliñar que 15 dos 28 metaneiros descargados na regasificadora de Mugardos durante 2022 procederon de Rusia.

Tamén queren unha oposición ao hidroduto Guitiriz-Zamora, que se integraría no proxecto H2Med. "A produción masiva de hidróxeno verde para exportación, ou ben desviaría unha grande cantidade da electricidade renovábel adicional necesaria para deixarmos de consumir canto antes en Galicia gas fósil e produtos petrolíferos, ou ben forzaría a sobredimensionar a capacidade de produción renovábel, fundamentalmente eólica", din.

A plataforma Galiza sen Gas está integrada inicialmente por Amigas da Terra, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Ecoar Global, Federación galega de Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) e Verdegaia.

0.2404260635376