Nace en Muimenta o Centro para o Desenvolvemento Rural ‘Fogar de Xúbilo’

TerraChaXa
A iniciativa ten como obxectivo poñer en marcha accións enfocadas ao benestar dos maiores e loitar contra a soidade non desexada
presentacion-proxecto-fogar-de-xubilo
Presentación do Centro para o Desenvolvemento Rural ‘Fogar de Xúbilo’
13 Aug 2025

Muimenta conta desde principios deste 2025 cun novo proxecto emprendedor e innovador: o Centro para o Desenvolvemento Rural ‘Fogar de Xúbilo’. Trátase dunha iniciativa sen ánimo de lucro enfocada no benestar das persoas maiores, co obxectivo de poñer en marcha accións que melloren a calidade de vida da terceira idade e doutros colectivos formados por persoas maiores en situación de marxinalización social.

A idea leva sendo traballada desde antes da pandemia, pero quedara adiada pola súa chegada. Co tempo madurou ata converterse nun proxecto que, segundo explican os seus precursores, é fundamental tanto para Muimenta como para as parroquias da contorna.
Segundo os datos do INE, cada vez son máis os fogares rurais nos que vive soa unha persoa maior de 65 anos ou onde todos os membros teñen esa idade. En Muimenta esta situación afecta a máis do 31% da poboación, e nas localidades limítrofes chega ao 33%, segundo o padrón deste ano. “Á vista destas cifras, faise máis palpable a necesidade de facer algo por mellorar as condicións das persoas maiores desta zona e con esa ilusión traballaremos para, pouco a pouco, seguir dándolle forma a esta idea”, explican.

Para coñecer modelos de referencia, en decembro de 2024, e grazas á colaboración da Asociación Aquilino Iglesia Alvariño, membros do proxecto visitaron o CDR “O Viso”, en Lodoselo (Ourense), unha entidade con anos de experiencia en coidados e desenvolvemento comunitario no rural. Este centro conta cunha vivenda comunitaria para persoas maiores e cun centro de día, entre outros proxectos.

Neste senso, sinalan, en abril deste ano celebrouse a mesa redonda “Convivencia de maiores”, onde veciños e veciñas de Muimenta e doutras localidades achegaron ideas para deseñar unha folla de ruta do proxecto. “Unha das propostas máis ilusionantes foi a creación dunha vivenda comunitaria na Avenida de Vilalba, 72, que funcionaría como sede do colectivo e vivenda interxeracional para persoas maiores soas e/ou en risco de exclusión social”, explican os seus promotores. No baixo do edificio tamén se prevé habilitar un centro social para asociacións da zona e outras actividades de carácter recreativo e sociocultural.

O inmoble, que xa está en mans do CDR “Fogar de Xúbilo”, precisa obras para mellorar a accesibilidade e está a espera de recibir as pertinentes autorizacións administrativas. Nel, a intención é instalar unha vivenda comunitaria, un comedor social e un espazo para acoller temporalmente a persoas maiores que, tras unha hospitalización, non poidan regresar ás súas casas por falta de compañía ou necesidade de apoio. Tamén se contempla elaborar comidas para distribuír nos domicilios, controlando alimentación, hixiene e medicación, co fin de garantir unha boa calidade de vida.

“Parécenos importante loitar contra a soidade non desexada que se pode dar ao non manter contacto social cos veciños ou familiares durante días ou semanas”, insisten, e advirten de que “pode acabar en depresión, deterioro físico, marxinación… e consecuentemente risco de exclusión social”. Por iso, lembran, “é importante que as persoas maiores se sintan acompañadas e que se sintan valoradas e útiles”.

Por iso, dende o ‘Fogar de Xúbilo’ apostan polo voluntariado para acompañar ás persoas maiores en trámites, visitas, charlas e talleres adaptados aos seus intereses. “A idea dos maiores de seguir nas súas propias casas en vez de mudarse a residencias, fai necesario buscar alternativas que permitan a esas persoas estar na súa contorna preferentemente e manter a súa vida activa, integrada e con actividades motivadoras”. Para iso, están a realizar enquisas e entrevistas para coñecer directamente as súas necesidades.

Os impulsores afirman o proxecto comeza a súa andaina con ilusión e empeño, e animan a quen queira colaborar a contactar a través do correo cdrfogardexubilo@gmail.com.

⚙ Configurar cookies
0.11424899101257