Nace no circuíto das Pontes a primeira Copa de VF

TerraChaXa
Constará de tres eventos durante todo o ano 2025, dúas carreiras e unhas xornadas de adestramentos
copa-concello-de-as-pontes
22 Jan 2025

A VF Challenge Moto Race, o Concello das Pontes e o circuíto de karting local uniron forzas para poñer en marcha a nova Copa Concello das Pontes de VF, que nace este ano 2025.

Que o Circuíto de karting das Pontes é un referente no mundo da velocidade galega é algo indiscutible. Mostra diso é a alta participación que sempre rexistran as carreiras organizadas por VF no trazado pontés.

"O obxectivo principal desta Copa é incentivar a participación dos pilotos nos eventos organizados por VF nas Pontes. Isto non só reforzará o impacto mediático da competición, senón que tamén contribuirá de maneira significativa á economía local, aumentando o movemento na hostalaría, os aloxamentos e os comercios. Ademais, a Copa permitirá a participación de pilotos de toda España, ampliando o impacto e visibilidade a nivel estatal", explican os organizadores.

A Copa Concello das Pontes contará cun sistema de puntuación baseado en tres eventos. Os primeiros serán dúas carreiras que se celebrarán no circuíto en 2025, o 15 e 16 de marzo e o 6 e 7 de setembro. Un terceiro evento terá lugar o 19 de abril, consistente nunhas xornadas de adestramentos. Neste día, o piloto que consiga a volta rápida en cada categoría recibirá 5 puntos adicionais na clasificación da Copa.

As categorías convocadas para participar na competición son: minimotos, MiniGP 110, minimotard infantil 65, GP Sport Criterium, Pitmotard 160, Pitmotard 190 e Supermoto. Os regulamentos técnicos e deportivos seguirán as mesmas directrices da VF Challenge MR.

Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán trofeos na gala de final de tempada. O gañador absoluto da Copa obterá un desconto do 50% na renovación do seguro de accidentes de 2026, tramitado por VF.

0.16466403007507