Nace o Club de Padel Vilalba Feminino
Coa implicación de 18 rapazas nace o equipo feminino do Club de Padel Vilalba. Trátase dun grupo de vilalbesas, aínda que tamén contan cunha pontesa e unha luguesa, que se viña reunindo nas instalacións de Indoor Vilalba para xogar ao padel entre elas na liga interna e que agora dan o paso á competición oficial.
Dos adestramentos semanais como grupo, os partidos da Liga Indoor Vilalba e as súas “pachangas” pasarán agora a medirse a outras persoas na cuarta división da Liga provincial que dará comezo en xaneiro. Foron os compañeiros da sección masculina os que as animaron a federarse debido aos seus avances no xogo. De feito, a capitana, Sonia Fernández, agradece a implicación dos rapaces e, sobre todo, da directiva do club por facilitarlles o traballo a nivel administrativo e tamén “por adestrar con nós e darnos consellos sobre as posibles melloras a ter en conta cada unha de nós tanto a nivel táctico coma técnico”.
Con todo, explica que “o noso obxectivo é o de pasalo ben. Somos un grupo con moi bo rollo do que estou moi contenta de ser a capitana”. Tamén aproveitarán para “coñecer xente doutros lugares relacionada co mundo do padel que tanto nos engancha”. Así, poderán medirse a outras persoas e non só entre as propias compañeiras deste equipo vilalbés que continúa aberto ás persoas que queiran unirse á práctica deste deporte”.
A pesar de que a vitoria non será un dos seus obxectivos durante a competición oficial, as rapazas agardan mellorar o seu xogo. Para iso, adestrarán cada semana para continuar a coñecer o xogo de cada unha e lograr unha boa compenetración en cada un dos cinco partidos que disputarán por parellas cada xornada. As pistas de Indoor Vilalba serán o escenario dos partidos na os domingos ás catro da tarde.
Club de Padel Vilalba
O Club de Padel Vilalba nacía o pasado verán grazas á iniciativa de cinco amigos da vila aos que se uniron outros ata chegar a contar cunha vintena de xogadores nas súas filas que compiten nas series nacionais onde lograron xa o ascenso e, a partir de xaneiro, tamén na Liga provincial federada.