Nace unha aplicación para xestionar o prezo do leite en orixe
Aumentar o poder negociador dos gandeiros sobre o prezo do leite. Este é o principal obxectivo de Conta Láctea, a aplicación informática posta en marcha pola Xunta para facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras e á que xa se pode acceder a través do seguinte enlace: https://www.contalactea.gal/pladel/.
Así o expuxo hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a presentación desta app ao sector, un acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia e no que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.
Na súa intervención, o conselleiro destacou que con esta ferramenta os produtores non só poderán calcular os seus custos de produción e así incrementar a súa rendibilidade, senón que -como empresarios- poderán tamén mellorar esa posición nas negociacións dos prezos. Trátase, engadiu González, dunha aplicación posta á enteira disposición do sector para cubrir unha das necesidades detectadas a través da Estratexia de dinamización do lácteo: a mellora da xestión económica das explotacións.
Nesa liña, apuntou que a Xunta promoverá incluír na Lei da cadea alimentaria que está a tramitar ao Goberno central unha disposición específica que contemple que se hai unha aplicación informática que contabilice os custos de produción avalada por unha Consellería como a do Medio Rural esta deba servir como ferramenta mínima para negociar coa industria os prezos do leite.
Deste xeito, o conselleiro cualificou esta aplicación, creada por Medio Rural en colaboración coa Fundación Juana de Vega, como un instrumento definitivo para que os gandeiros poidan defender, desde a mellor posición posible, os seus intereses, mellorando a súa posición dentro da cadea de valor da produción de leite. Engadiu que se trata dunha ferramenta útil e efectiva para negociar os prezos e, en xeral, para mellorar a xestión das explotacións, así como sinxela, intuitiva, accesible e manexable por e para todos.
Neste sentido, José González avanzou ademais que a Xunta seguirá traballando a prol da profesionalización do sector a través da formación a todos os niveis, cun enfoque empresarial.
Innovación
O conselleiro enmarcou tamén esta iniciativa na aposta que realiza esta Estratexia pola innovación e pola aplicación ao sector das novas tecnoloxías. Todo isto, dixo, co obxectivo prioritario que ten este documento de consensuar e asentar as bases para consolidar a Galicia como principal rexión láctea, con carácter competitivo, perspectiva sustentable e capacidade de resiliencia.
Ademais, José González salientou que a mellora que representa esta aplicación complétase coa aposta da Xunta pola transformación do leite en Galicia, co fin de aumentar a industrialización do produto dentro da nosa comunidade, fomentando a súa diversificación para xerar valor engadido. Neste contexto, o titular de Medio Rural vinculou esa folla de ruta que marca a Estratexia do lácteo coa Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, unha norma que -indicou- permitirá dotar a todo aquel que o demande de terra produtiva e que potenciará, ao tempo, a remuda xeracional no sector.
Precisamente, a Consellería recibiu 1.500 solicitudes ao abeiro da Manifestación de Interese de proxectos do sector primario e agroalimentario galego, así como doutros interesados neste eido. De todas elas, un total de 994 indicaron a localización xeográfica da terra demandada e que supoñen a posta en valor de case 21.400 hectáreas, que haberá que relacionalas coas superficies de terras en estado de abandono ou infrautilización e coas zonas preferencias de actuación.
Así, desta superficie demandada, segundo destacou o conselleiro, algo máis de 13.200 hectáreas son para a orientación produtiva gandeira, das cales preto do 94% da superficie, é dicir, máis de 12.400 ha, correspóndense a peticións de gandería bovina. Nesa dirección, José González avanzou que a Xunta fomentará a creación de, cando menos, tres polígonos piloto de forraxes para dar servizo a asociacións ou cooperativas de gandeiros.
Na súa intervención, o titular de Medio Rural tamén se referiu á Estratexia da carne, na que está a traballar o Goberno galego para impulsar tanto as vendas como o consumo neste sector. Ademais, falou do futuro selo que recoñecerá o leite de pastoreo, avanzando que este ano a Xunta convocará axudas para investir nas ferramentas de control que requirirá esta marca como, por exemplo, os colares provistos de GPS.
Avances da PAC
En termos semellantes, o conselleiro puxo tamén en valor os avances da PAC para este sector estratéxico do agro galego. Advertiu que aínda queda negociación por diante, pero que xa se acadaron compromisos importantes. Así, trasladou, Galicia partirá co mesmo volume de fondos que no anterior período de execución, podendo ser incrementado nas próximas reunións.
Ademais, González salientou que por parte da Xunta conseguiuse o compromiso do Ministerio de Agricultura de aumentar as axudas asociadas ao vacún de leite, un incremento de ata 28 millóns de euros anuais, que a Galicia lle repercutirá nuns 12 millóns de euros directos para este sector. Por último, o conselleiro reiterou que a PAC, para ser verdadeiramente común, ten que considerar as particularidades de Galicia, tales como o tamaño pequeno e mediano das nosas explotacións e o seu carácter profesional, pero eminentemente familiar.
Enlace para acceder a Conta Láctea: https://www.contalactea.gal/pladel/