Nace unha nova empresa formada por alumnado do IES Castro da Uz

A Asociación de Empresarios Seara leva traballando dende o pasado mes de outubro nun novo proxecto PROEM, en colaboración co alumnado de 4º da ESO de Economía do IES Castro da Uz. Froito deste esforzo naceu Pontes en Forma, unha iniciativa estudantil que busca fomentar a vida saudable a través do deporte e da alimentación equilibrada.
Este proxecto culminou recentemente coa visita do alumnado ao banco e ao notario, onde se levou a cabo a formalización oficial da súa cooperativa educativa, un paso significativo que reforza o carácter práctico da aprendizaxe.
A través de @pontesenforma, os estudantes recollen o legado deixado polos seus compañeiros do curso anterior, continuando coa organización de torneos deportivos durante os recreos do instituto. Esta iniciativa busca promover o exercicio físico entre o alumnado. Ademais, están a desenvolver diversas receitas de comida saudable co obxectivo de motivar aos seus compañeiros e compañeiras a adoptar hábitos alimentarios máis beneficiosos.
Este proxecto de emprendemento educativo destaca pola súa vontade de crear unha cooperativa educativa real na aula, ofrecendo ao alumnado unha aprendizaxe práctica sobre os trámites necesarios para poñer en marcha un negocio. A experiencia tamén permite traballar valores fundamentais como a responsabilidade, o esforzo e a perseveranza, ao tempo que potencia habilidades clave para o futuro profesional do alumnado, tales como o traballo en equipo, a comunicación ou a competencia dixital.
Desde a Asociación de Empresarios Seara agradecen a colaboración constante do IES Castro da Uz nestas iniciativas educativas e destacan o labor de Sabela Montero Tenreiro, profesora de Economía, polo seu compromiso e dedicación a este proxecto.