Néstor Rego comproba a situación polos asolagamentos en Begonte

TerraChaXa
O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, achegouse até ao concello de Begonte para comprobar de primeira man "a situación de angustia" que seguen a vivir a veciñanza de Riocaldo cada vez que hai un episodio de choivas forte.
bng nestor rego asolagamentos begonte
21 Nov 2023

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, achegouse até ao concello de Begonte para comprobar de primeira man "a situación de angustia" que seguen a vivir a veciñanza de Riocaldo cada vez que hai un episodio de choivas forte.

Nesta visita, mantivo un encontro coas persoas afectadas do lugar de Riocaldo. A veciñanza da zona segue preocupada pola falta de limpeza das zonas de influencia dos ríos Ladra e Parga así como das da NVI e da vía do tren.

A veciñanza trasladou ao deputado do BNG que esta situación ameaza con volver producirse este inverno coa chegada das choivas intensas. Por todo iso, os veciños e veciñas do barrio de Riocaldo, reclaman ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que realice as obras necesarias para asegurar que as augas que se acumulan no lado máis elevado da vía férrea e da N-6, teñan paso suficiente ata a canle do río Ladra. Así como tamén, realizando as obras de limpeza necesarias, non só nos propios pasos, se non no terreo que os rodea, que ao atoparse máis elevado na marxe contraria impide a evacuación, ademais de facilitarse a súa obstrución durante as cheas.

Neste senso, Néstor Rego anunciou “desde o BNG impulsaremos no Congreso diferentes medidas para que se desenvolvan traballos de mellora e de mantemento para poder canalizar a auga de cara aos ríos e que non se encore a auga nesta zona, son medidas necesarias para que isto non se volva repetir”

0.18302893638611