Néstor Rego esixirá no Congreso que solucione a situación de Riocaldo, en Begonte, para evitar asolagamentos

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, volverá levar ao Congreso a denuncia da veciñanza de Riocaldo ante uns novos asolagamentos que se están a producir. "Volvemos ter noticias da angustia vivida pola veciñanza ante uns novos episodios de choiva que se están a producir estes días e que nin dende o Concello nin dende o Ministerio foron quen de poñerlle solucións. Desta vez foi o paso da borrasca Joseph pero é que non podemos agardar a que veñan estes episodios de choiva como pasou no 2023 e que asolaguen as casas da veciñanza de Riocaldo", dixo.
O nacionalista explicou que "a veciñanza de Riocaldo volve a estar coa auga á porta das súas casas, volve estar a vivir unhas horas de moita angustia recordando o vivido no 2023 e ademais vendo que dende o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non se fixo nada, así como dende o concello que fixo deixadez de funcións ao non facer esixencias ao goberno de Estado para arranxar todas as deficiencias que existen pola falta de limpeza das zonas de influencia dos ríos Ladra e Parga así como das da NVI e da vía do tren".
Por todo isto o deputado do BNG volvera levar iniciativas no Congreso para que o Ministerio realice as obras necesarias para asegurar que as augas que se acumulan no lado máis elevado da vía férrea e da N-6, teñan paso suficiente ata a canle do río Ladra, "pois esta demostrado que os pasos existentes son insuficientes". Así como tamén, realizando as obras de limpeza necesarias, "non só nos propios pasos, se non no terreo que os rodea, que ao atoparse máis elevado na marxe contraria impide a evacuación, ademais de facilitarse a súa obstrución durante as cheas".
Neste senso, Néstor Rego anunciou “desde o BNG impulsaremos no Congreso diferentes medidas para que se desenvolvan traballos de mellora e de mantemento para poder canalizar a auga de cara aos ríos e que non se encore a auga nesta zona, son medidas necesarias para que isto non se volva repetir”.
“Non é de recibo que isto se repita de ano en ano sen que haxa unha actuación adecuada por parte de Ministerio de Transportes”, concluíu o deputado nacionalista.