Nete acolle o día 30 a Festa da Amizade
Os veciños das parroquias vilalbesas de Ladra, Noite e Nete recuperan a Festa da Amizade, que vai pola terceira edición e que este ano terá lugar en Nete o 30 de abril, venres.
A xornada arrincará ás 13.30 horas cunha sesión vermú amenizada por M3 Show, que estará tamén pola noite xunto ao dúo Hora Bruxa.
Precisamente Hora Bruxa e tamén Mestura de Nete darán o toque musical ao xantar, que se desenvolverá servido polo cátering Chao da Brea. Este contará con entrantes, callos, costela asada con patacas, pan, bebida, sobremesa e café por un prezo de 25 euros por persoa. O menú infantil, gratuíto ata os dez anos, inclúe croquetas, salchichas, milanesa, pan, bebida, sobremesa e xeado.
A organización lembra que o campo estará cuberto con carpa e estará dotado con calefacción. Celebraranse sorteos ao longo de toda a tarde e haberá colchóns para os máis pequenos.
O prazo para retirar os billetes finaliza este domingo 24. Para facerse con eles, os veciños de Nete poden poñerse en contacto con Carral no 686 186 912; os de Noite con Javier no 650 365 554, e os de Ladra con Félix no 616 937 428.