Nete contará cun curso de coidados básicos a persoas maiores e dependentes

TerraChaXa
Será o 27 de novembro pero o prazo para anotarse remata este venres
mans-anciá-maior
20 Nov 2025

A Asociación de Veciños de San Cosme de Nete anunciou que o vindeiro xoves 27 de novembro terá lugar un curso de Coidados Básicos de Persoas Maiores ou Persoas Dependentes, unha actividade financiada pola Escola Galega de Saúde e dirixida a quen desexe adquirir habilidades para mellorar a atención e benestar das persoas dependentes no ámbito familiar.

A formación celebrarase na Escola de Nete, en horario de 17:00 a 21:00 horas. O programa inclúe nocións sobre alimentación, hixiene, coidados da pel e das uñas, adaptación do fogar, prevención de caídas, xestión da medicación e detección de posibles complicacións. O obxectivo principal é ofrecer ferramentas prácticas que permitan aumentar a calidade de vida das persoas maiores ou dependentes e facilitar o labor diario das persoas coidadoras.

A inscrición é gratuíta e pode realizala calquera persoa interesada ata o 21 de novembro, chamando ou enviando unha mensaxe ao número 646 006 167. Para formalizar o rexistro deberán proporcionarse o nome, apelidos, DNI, teléfono e, no posible, un correo electrónico. Ao finalizar o curso entregarase un certificado de asistencia.

A organización agradece de antemán a colaboración veciñal e anima á participación nesta iniciativa formativa.

⚙ Configurar cookies
0.068938016891479