Nicole Grueira, a candidata máis nova de Galicia do PP, encabeza a lista de Pol
“Consciente da grande responsabilidade que conleva”, Nicole Grueira (21 anos), estudante de Ciencia Política e da Administración, asume “con moita honra, ilusión, ganas e valentía” o reto de optar polo PP á alcaldía de Pol. Nun acto celebrado en Pol, Grueira estivo arroupada por distintos representantes do PP provincial, entre eles, o vicepresidente, Francisco Conde; coordinador xeral e portavoz provincial, José Manuel Balseiro, e o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal.
Grueira foi unha dos representantes dos candidatos populares ás alcaldías de Galicia que interveu o pasado sábado en Santiago no acto no que participaron o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda. Nicole Grueira, a primeira candidata galega nacida no século XXI, reafirma o seu compromiso cos seus veciños e veciñas e di que porá todo o seu esforzo e empeño en recuperar para o Partido Popular o Concello de Pol, “dando paso ás novas ideas con fins claros, para mellorar a calidade de vida da veciñanza e a satisfacción das súas necesidades”.
Grueira destaca que o Concello de Pol ten máis de 1.361.005 euros de débeda”. Sinala que “a mala xestión local faille moito dano a Pol; se a débeda segue aumentando, xunto co descenso de poboación, a falta de emprego e a vivenda chegará un momento no que o concello acabará desaparecendo”.
A candidata popular apunta que, se chega á alcaldía, desenvolverá políticas que favorezan o asentamento de poboación, fomentando a vivenda e o emprego. Indica: “Hai que proporcionar ás familias recursos e facilidades para a rehabilitación das vivendas abandonadas; hai que crear solo industrial, para atraer empresas e investimentos e ampliar a oferta de emprego”. Explica que é fundamental garantir o acondicionamento das pistas municipais, o abastecemento de auga; hai que mellorar a seguridade, apoiar a inserción laboral dos mozos e das mozas, impulsar actividades de ocio para os maiores”.
Grueira quere que o Concello de Pol sexa realmente transparente e “reducir a distancia entre a administración local e os veciños”. Se chega á alcaldía, o seu será “un goberno próximo”.
O vicepresidente do PP lucense (vicepresidente primeiro da Xunta), Francisco Conde, destacou “o compromiso de Nicole Grueira con Pol e cos seus veciños”. Conde asegurou que “Nicole encarna a imaxe que o PP quere para o rural galego: dinámico, innovador, inconformista e con futuro”.
Dende a dirección provincial popular tamén se sinala que “no PP apostamos pola xuventude e presentamos á candidata máis nova de Galicia, que ten un futuro moi importante”. Engaden que “Pol é un concello que precisa un cambio de rumbo, que necesita abandonar políticas anticuadas que deron como resultado a perda de poboación de servizos”. Na dirección provincial popular esperan que “os veciños de Pol volvan confiar no PP, que gobernou este concello durante moitos anos”.