Nicole Grueira pide ao alcalde de Pol unha explicación sobre o "rescate económico" da Deputación

Pol
TerraChaXa | LugoXa
“Esiximos ao alcalde a que explique a que destina os fondos municipais”.
23 Feb 2024

“Esiximos ao alcalde a que explique a que destina os fondos municipais”. Así de contundente se amosou a voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, tras coñecer que a Deputación de Lugo tivo que “rescatar” ao Concello de Pol para facer fronte aos gastos correntes.

O pasado venres a Xunta de Goberno da Deputación aprobou un convenio de cooperación entre o ente provincial e o Concello de Pol para o financiamento dos gastos correntes en bens e servizos. O convenio que ten un orzamento de 240.000 euros (200.000 a Deputación e 40.000 o Concello de Pol).

O PP expón o desglose seguinte:

  • Servizo de urbanismo: 17.000€
  • Reparación de vehículos: 51.000€
  • Combustible: 107.000€
  • Seguros para vehículos: 20.000€
  • Plataformas dixitais: 13.000€
  • Adquisición de cloro: 6.000€
  • Compra de material para reparacións da rede de subministro de auga: 5.000€
  • Localización, arranxo de fugas, lectura trimestral de contadores: 13.000€
  • Compra de sementes e fertilizantes: 8.000€

Nicole Grueira recorda que xa se puxo en dúbida, en varias ocasións, a capacidade do alcalde para dirixir o concello, recordando casos como a ausencia de orzamentos municipais para 2024 ou os recoñecementos extraxudiciais que se levarán a pleno por valor de 509.171,78 euros, dos que só 2.438,48 euros corresponden ás dietas do alcalde do último trimestre de 2023. “Vemos como non ten cartos para afrontar gastos correntes como o combustible dos vehículos e os seus seguros, pero si que o hai para as súas comidas”, denunciou.

“Vemos como o alcalde socialista segue a danar a imaxe do Concello de Pol e, neste caso ademais, as arcas municipais, despilfarrando os cartos e pedindo a outras administracións o rescate”, ao que Nicole Grueira engadiu que “é certo que unha das funcións das Deputacións é a cooperación cos concellos, pero tamén o é que os socialistas sempre danan todas as administracións que gobernan”.

0.11232995986938