Ningún Aro Sen Rede arranca a tempada cunha visita ao CEIP de Meira
Ningún Aro Sen Rede, un proxecto que xorde da alianza entre a UNED de Lugo, a Fundación Breogán e a empresa Ecoballution estreou a súa nova edición achegándose ao colexio CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira.
A iniciativa xorde da idea de lograr as sinerxías necesarias para prover a aqueles centros escolares que o demanden de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sostibles por ser feitas a partir de residuos de redes de pesca.
Activo desde o curso 2022-2023, durante o desenvolvemento do proxecto as entidades fundadoras fan visitas aos centros educativos para pór en marcha a actividade e animar ao alumnado a participar activamente no proxecto mediante a reciclaxe de material de escritura. A terceira edición iniciouse no colexio de Meira, onde os estudantes de 3º e 4º de Educación Primaria asistiron á actividade que foi impartida polo Director da Fundación, Luis Abel, e o biólogo da UNED, Alejandro Rodríguez.
Durante o transcurso da actividade, Luis Abel e Alejandro Rodríguez expuxeron o obxectivo do proxecto, explicando tanto o proceso de elaboración das redes de Ecoballution e subliñando a relevancia de promover a reciclaxe que facilite a xestión de residuos, así como un segundo uso dos mesmos. Logo dunha breve introdución teórica, comezou a parte lúdica da xornada, na que profesorado e estudantes participaron en competicións de baloncesto con agasallos que manteñen a filosofía sostible do proxecto e que foron entregados polo club e pola universidade.
Esta iniciativa, aspira a ser un exemplo de economía circular, fomentando e difundindo algúns dos principios e valores recollidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas e os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.