“No 2022 atendemos 28 mulleres vítimas de violencia de xénero na comarca”

TerraChaXa
Entrevista a Luisa Padrón Francisco e Ana B. Pardo Gil, psicóloga e avogada, respectivamente, do CIM de Vilalba
violencia de xenero
20 Nov 2022

Luisa Padrón Francisco e Ana B. Pardo Gil, psicóloga e avogada, respectivamente, do CIM de Vilalba.

O edificio do Concello de Vilalba acolle o Cento de Información da Muller (CIM) creado co obxectivo de detectar as dificultades, necesidades e demandas das mulleres para facer valer os seus dereitos nos ámbitos profesional, social e familiar, ofertando unha atención específica ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Aínda que a axuda é moi variada o seu labor faise imprescindible no trato coa violencia de xénero xa que poñen a disposición das vítimas, os recursos e instrumentos que promoven a confianza nelas mesmas para esixir a convivencia en igualdade.

Así mesmo, combina o labor asistencial co traballo formativo, desenvolvendo diversos programas, destinados a educar ás novas xeracións en valores que garantan a igualdade de oportunidades así como a prevención da violencia de xénero. A principal axuda que ofrecen céntrase no asesoramento xurídico e a atención psicolóxica, con atención especializada para guialas en todo o proceso.  O anonimato e a confidencialidade son as súas armas máis importantes para axudar a estas mulleres a recuperar, en moitas ocasións, a súa vida. A gratuidade e o respecto á vontade final da usuaria tamén son importantes á hora de incentivar esas axudas. As entrevistas son sempre persoais e íntimas, tanto para tratar temas xurídicos e de dereitos como as de apoio psicolóxico.

Á fronte do CIM están Luisa Padrón Francisco, psicóloga, e Ana B. Pardo Gil, avogada e directora, que nos relatan como é o seu traballo diario.

Que casos son os máis habituais no CIM vilalbés?

Os casos máis habituais son os de mulleres que levan sufrindo unha traxectoria longa de violencia por parte da parella e tamén asesoramento en materia de separación ou divorcio onde hai indicios de violencia psicolóxica que non soen denunciarse.

Cantos atenderon no último ano?

No ano 2022 atendemos 28 casos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Céntranse en mulleres de Vilalba só ou acoden da contorna?

O CIM é un servicio de carácter comarcal e dende este centro se atenden as demandas solicitadas por mulleres procedentes dos seguintes concellos da comarca da Terra Chá: Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade.  As mulleres de Abadín e A Pastoriza son atendidas no CIM de Mondoñedo co que teñen subscrito convenio para este fin.

Como é o procedemento estándar cando acude unha muller maltratada?

O procedemento parte dunha escoita activa da muller para tratar de dar resposta ás súas demandas, xa sexan económicas, xurídicas ou de atención psicolóxica, así como validar os seus sentimentos e reforzar as súas decisións respectando sempre os tempos no seu proceso de recuperación.

Como se lle protexe do maltratador?

A protección chega logo dunha denuncia, cando por parte do Xulgado se decreta unha orde de protección ao seu favor,  a partir dese momento as Forzas e Corpos de Seguridade, xa sexa a Garda Civil ou a Policía Local, se encargan de velar pola súa protección e seguridade en función do risco valorado a través do sistema Viogen.

Como poden axudar as persoas da contorna?

Debemos recordar que todos e todas temos responsabilidade de poñer en coñecemento das autoridades calquera tipo de conduta violenta da que teñamos coñecemento. Con respecto á contorna, o apoio e acompañamento tanto de amizades como de familiares é básico para axudar á vítima na toma de decisións e no enfrontamento da situación na que se atopa, respectando sempre a súa vontade e os tempos que cada muller necesita.

Como cren que está valorada este problema entre a xuventude?

Lamentablemente a xuventude parece ter a percepción de que este é un tema que non lles afecta, pero as actitudes de control e violencia entre a xente moza son cada día más frecuentes e preocupantes.

Cren que se está a avanzar na erradicación da violencia de xénero?

Avanzamos moito en canto a visibilización e tamén en canto a recursos para as vítimas, pero non o suficiente, xa que a violencia de xénero é un grave problema estrutural, instaurando fortemente na nosa sociedade e de difícil erradicación, sobre todo en temas como a prostitución, a percepción da violencia psicolóxica e o control a través das redes sociais.

programacion 25 n vilalba portada
programacion 25 n vilalba
0.2047381401062