'NON é NON', imaxe gañadora do III Concurso da Pastoriza contra a Violencia de Xénero

O Concello da Pastoriza anunciou a imaxe gañadora do III Concurso de imaxes ou debuxos contra a violencia de xénero, unha iniciativa enmarcada nas actividades municipais polo 25N. O debuxo realizado por Sandra Darriba Méndez e Lucía Ónega, acompañado do lema NON é NON, foi o máis votado polo público nas redes sociais, acadando un total de 545 “gústame”.
O certame, impulsado polo Concello da Pastoriza co apoio do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, mantivo aberto o prazo de presentación de obras entre o 9 e o 15 de novembro. As propostas, enviadas por correo electrónico, debían incorporar debuxos ou fotografías acompañadas de mensaxes de rexeitamento da violencia machista.
O 16 de novembro publicáronse todas as imaxes participantes nas redes sociais do Concello, onde permaneceron abertas á votación pública ata o día 21. A alta participación cidadá e o número de obras recibidas reafirmaron o éxito dun concurso que busca sensibilizar, promover a reflexión e implicar á veciñanza na defensa da igualdade.
Desde o Concello trasladaron o seu agradecemento “a todas as persoas participantes” e destacaron que accións como esta contribúen a visibilizar a loita colectiva contra a violencia de xénero, especialmente na contorna local, onde a educación social e a creatividade teñen un papel fundamental.