Nova concentración de traballadores das Pontes

TerraChaXa
Persoal da central eléctrica das Pontes concéntrase na Delegación do Goberno para esixir a convocatoria da Mesa de Transición Xusta.
manifestacion coruna delegacion de goberno as pontes
8 Maio 2021

O comité de crise das Pontes realizou este venres unha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña para esixir a convocatoria inmediata da Mesa de Transición Xusta na que concretar as garantías de emprego, os proxectos e alternativas industrias para a localidade e reclamar que se proceda xa á sinatura do Convenio de Transición.

Na protesta participaron traballadores e traballadoras de Endesa, das auxiliares e transportistas, ademais de representantes políticos que demandaron á Subdelegada do Goberno (con quen mantiveron un encontro) que inste ao Ministerio de Transición para a Ecoloxía a convocar a Mesa de Transición diante do novo escenario aberto tras coñecerse que o proceso administrativo do impacto ambiental do peche da central térmica se tramitará por procedemento ordinario.

"Isto implica que a resolución non se resolverá en xuño, senón que se demorará, como mínimo seis meses, polo que os acordos que había con Endesa referentes ao emprego nas auxiliares e á preferencia na formación e proceso de desmantelamento se verán tocadas. Esiximos que as garantías se estendan durante este tempo", aclara Alberte Amado, representante da CIG no comité. Engade que este período ten que aproveitarse ademais "para concretar propostas e alternativas para materializar unha transición que sexa realmente xusta para a localidade e que este proceso non quede en mera propaganda", aseverou.

Amado criticou o proceder do MITECO que leva dende xaneiro sen convocar á mesa e sen trasladar información puntual "xa que desta modificación substancial na tramitación do peche nos tivemos que enterar pola prensa e o BOE, non houbo ningunha chamada previa alertando desta mudanza malia as consecuencias que ten".

Nesta liña, reclamou que "dunha vez se comecen a clarificar e concretar os proxectos de futuro", pois máis alá da proliferación de anuncios "descoñecemos cal é o impacto laboral, económico e social que teñen os proxectos que, tanto por parte de Endesa como doutras compañías, se pretenden asentar na nosa localidade ao abeiro dos fondos Next Generation".

Neste senso, denuncia a opacidade da Xunta xa que "nin sequera están definidos cales dos proxectos tractores promovidos polo goberno galego irán para As Pontes, que viabilidade teñen, canto emprego xeran ou cales son os tempos de execución". En calquera caso, reitera, estes proxectos, xa sexan da man de Endesa ou doutras empresas, "deben levar parellas obrigas coa industria auxiliar e o colectivo de transportistas".

Xunto a isto, Alberte Amado, puxo a atención no feito de que As Pontes segue sendo o único territorio afectado polo peche das centrais térmicas que non ten asinado o convenio de transición xusta e denunciou que, malia terllo reclamado en repetidas ocasións, a Xunta non iniciou aínda xestións para a busca e disposición de chan industrial no que asentar estes posíbeis proxectos industriais.

Na reunión que mantivo cos traballadores, a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López Rioboo, comprometeuse a trasladar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a petición de que convoque a Mesa de Transición Xusta das Pontes.

0.21425199508667