Nova edición do Concurso de Escaparates de AciaFozCCA
AciaFozCCA organiza unha nova edición do seu Concurso de Escaparates, que se desenvolverá do 15 de decembro ao 6 de xaneiro. Esta é unha das actividades previstas para este Nadal.
Os negocios interesados en participar no Concurso de Escaparates deberán enviar a AciaFozCCA a foto do seu local decorado para a ocasión antes das dúas da tarde do vindeiro 15 de decembro. As imaxes serán publicadas no facebook da asociación para que todo o mundo poida velas. Un xurado elixirá aos tres escaparates premiados.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, fai unha chamada “á participación no Concurso de Escaparates, adornando os negocios de Foz e contribuíndo deste xeito a crear un bo e alegre ambiente de Nadal, xunto ao alumeado que se acenderá xa esta semana”.
Ata Foz chegará tamén a campaña Este Nadal o comercio de Lugo máis preto de ti, que organizan a Federación Galega de Comercio e a Deputación Provincial co obxectivo “dinamizar as compras no comercio local ao longo das vindeiras semanas, nas que a clientela dos locais asociados a AciaFozCCA poderá beneficiarse tamén das vantaxes da tarxeta do comercio local”. A devandita campaña terá lugar do 6 de decembro ao 6 de xaneiro.
O presidente de AciaFozCCA anima “a que a nosa xente aposte polo comercio local para facer as súas compras de Nadal. É o reto que temos este ano, un reto en clave local e comarcal de apoio aos negocios que temos nos nosos pobos”.