Nova etapa para a Asapa

TerraChaXa
José Manuel García preside a nova directiva da asociación de empresarios
carreira-pastoriza
27 Jul 2025

A Asociación de Empresarios e Comerciantes da Pastoriza (Asapa) inicia unha nova etapa coa renovación da súa directiva, mantendo vivo o espírito co que naceu no ano 2007: dinamizar a vida social e económica do concello e apoiar ao comercio local.

A nova directiva está presidida por José Manuel García Méndez, acompañado por Mónica Prieto Rodríguez como tesoureira, Belén Paz Gutiérrez como vocal e José Alonso Castelo García como secretario. Este cambio produciuse logo de que a anterior presidenta tivese que deixar o cargo por motivos laborais que non eran compatibles coa xestión da asociación.

“Queremos que non se perdan eses eventos que se facían cando se creou a asociación”, explican desde Asapa, lembrando que a súa creación foi iniciativa de varios empresarios e comerciantes do pobo co obxectivo de fortalecer o tecido económico local e promover a actividade no municipio.

Actualmente, Asapa conta con arredor de 50 socios, aínda que a directiva lembra que calquera empresario ou comerciante do concello pode sumarse en calquera momento á entidade. “Só teñen que pertencer ao concello, e será ben recibido”, destacan.

Entre os proxectos máis inmediatos está a organización dunha andaina nocturna, así como a posta en marcha dunha liga de pádel, “unha actividade que xorde tras o éxito dos torneos organizados nos últimos tres anos, nos que cada vez participa máis xente”, explica o novo director. De momento, non teñen outros proxectos en carteira, pero a nova directiva non descarta estudar novas propostas que contribúan a dinamizar A Pastoriza e apoiar ao comercio local. Unha desas propostas é a de “poñer data fixa da ruta de tapas e seguir facéndoa”.

Desde Asapa sinalan que a asociación conta con algunhas axudas que permiten organizar estas actividades e valoran moi positivamente a boa acollida que está a ter a entidade entre os veciños e os comerciantes, mostrando o compromiso do tecido económico local coa vida do municipio.

Con esta nova directiva, Asapa reforza o seu compromiso de traballar para crear actividade, dinamismo e unión entre o comercio e os veciños da Pastoriza, mantendo o impulso dunha asociación que quere seguir sendo motor de dinamización local.

Polo de pronto xa fixeron unha xornada de cantos de taberna e un torneo de pádel e este mes terá lugar a segunda edición da carreira popular e andaina, que xa tivo moito éxito na súa primeira edición o pasado ano. O obxectivo é seguir presentando iniciativas para seguir crecendo en público e socios.

⚙ Configurar cookies
0.17541313171387