Nova excursión do programa Coñece a túa provincia desde A Pastoriza á Mariña

O vindeiro 9 de setembro desenvolverase unha nova saída enmarcada no programa Coñece a túa provincia, promovido pola Asociación de Comerciantes e Empresarios da localidade (Asapa) en colaboración coa Deputación de Lugo.
A excursión inclúe un completo percorrido por espazos de gran interese natural, cultural e histórico da Mariña lucense. Os participantes visitarán a Granxa Gayoso Castro, o faro de Punta Rodeira, o Porto e o Cabo de Morás, así como o parque de fabricación de Dolos e Portocelo. O itinerario continuará pola área arqueolóxica de San Tirso e polas praias de Lago e Esteiro, combinando patrimonio, paisaxe e tradición mariñeira.
A saída está programada para as 9:15 horas desde a Praza do Concello. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 25 de agosto no número de teléfono 664 153 642. A actividade contará ademais cun guía especializado que acompañará ao grupo durante toda a xornada.
Esta iniciativa pretende poñer en valor a riqueza natural e cultural da provincia, ofrecendo á veciñanza unha oportunidade única para descubrir de preto lugares emblemáticos e reforzar o coñecemento do patrimonio local.