Nova reunión dos alcaldes dos municipios afectados polo peche das centrais
A Asociación Nacional de Municipios para unha Transición Xusta, integrada polos concellos das Pontes, Cerceda, Carboneras (Almería), Los Barrios (Cádiz), Cubillos del Sil (León) e La Robla (León), pedirá unha reunión coa directora do Instituto Nacional de Transición, Laura Martín Murillo, para realizar aportacións á nova liña de axudas a proxectos de entidades locais afectadas polo peche de centrais termoeléctricas de carbón, dotada cun orzamento de 7 millóns de euros.
Así se decidiu na reunión telemática celebrada esta mañá, na que o presidente da entidade e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, subliñou tamén que incidirán na importancia de que “os convenios de transición se activen canto antes” e “se protexan os intereses das compañías auxiliares no desenvolvemento do acordo alcanzado entre o Ministerio, empresas e sindicatos”.
Os rexedores dos municipios andaluces e leoneses interesáronse tamén pola iniciativa tomada na provincia da Coruña para crear Oficinas de Reindustrialización nas Pontes e Cerceda, que estarán financiadas pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e terán como obxectivo “captar investimentos e dar apoio a calquera iniciativa empresarial” que poda implantarse nestes municipios.
Os alcaldes acordaron dirixirse tamén aos presidentes da Junta de Andalucía e de Junta de Castilla-Léon, así como ás deputacións de Cádiz, Almería e León, para “replicar” nos distintos territorios o modelo da provincia da Coruña, creando oficinas similares nos distintos concellos afectados pola descarbonización, co apoio e implicación das distintas administracións.
Os integrantes da Asociación Nacional de Municipios por unha Transición Xusta acordaron ademais solicitar unha reunión cos voceiros de Industria de todos os grupos políticos con representación no Congreso dos Deputados, co obxectivo de plantear liñas de financiamento especiais para os municipios afectados pola descarbonización.