Nova sesión do obradoiro de estimulación cognitiva en Vilalba

O vindeiro mércores, día 14 de xaneiro, celebrarase en Vilalba unha nova sesión do obradoiro de estimulación cognitiva, unha actividade dirixida a mellorar o rendemento da memoria e outras funcións mentais a través de diferentes exercicios prácticos. Durante a sesión traballaranse aspectos como o cálculo, a atención e a linguaxe, cun enfoque dinámico e participativo.
O obradoiro desenvolverase na aula do Centro de Saúde de Vilalba, en colaboración co Sergas e enmarcado dentro do Plan Local de Saúde de Vilalba. A actividade terá unha duración aproximada de unha hora e media e dará comezo ás 11.00 horas da mañá.
As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou formalizar a súa inscrición poñéndose en contacto a través do número de teléfono 982 51 13 03. Desde a organización animan á veciñanza a sumarse a esta iniciativa, orientada a promover o benestar cognitivo e a saúde mental.