Novas Xeracións celebrou en Burela unha xornada sobre o impacto do Brexit na pesca

TerraChaXa | AMariñaXa
29 Xan 2019

Novas Xeracións de Burela en colaboración con Novas Xeracións da provincia de Lugo celebrou na localidade mariñá unha xornada sobre o impacto do Brexit na pesca. Este foro sectorial contou coa participación de profesionais de recoñecido prestixio no sector, como o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, Sergio López; a directora xeral de Pesca, Agricultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda; e o catedrático de Dereito Internacional da Universidade da Coruña e responsable dos informes sobre o impacto do Brexit para a Consellería do Mar, José Manuel Sobrino Heredia. Asimesmo a clausura correu a cargo da conselleira do Mar, Rosa Quintana; na que tamén participaron a presidenta do Partido Popular da provincia de Lugo, Elena Candia; a presidenta de Novas Xeracións da Provincia de Lugo, Rosa Arza; e a coordinadora xeral de Novas Xeracións de Galicia, Eugenia Vizcaíno.
Durante o transcurso desta xornada déronse respostas ás incertezas ás que se enfronta o sector pesqueiro ante as diferentes opcións de saída do Reino Unido da Unión Europea destacando a necesidade de que o sector e administracións traballen conxuntamente  para estar preparados ante calquera escenario que se poda dar e, deste xeito, saír o máis fortalecidos posibles dun proceso que terá efectos para o sector pesqueiro galego e lucense. Tamén se sinalou a importancia de que a Unión Europea se manteña unida e non que cada Estado libre a “guerra” pola súa conta.
A xornada tivo unha gran afluencia enchéndose o salón de actos da Casa do Mar de Burela cun centenar de persoas. A presidenta de NNXX de Lugo, Rosa Arza, manifestou que “a nosa organización está a desenvolver distintas actividades para achegarnos a coñecer a realidade dos sectores produtivos da provincia coma neste caso que apostamos por achegarnos a un dos sectores estratéxicos da economía galega e, concretamente, para a Mariña lucense abordando con representantes do sector pesqueiro os posibles efectos que poida ter o Brexit sobre a pesca”.
O foro integrouse no proxecto denominado ‘Fontes de Recursos de Lugo’ co que a formación xuvenil pretende “dar a coñecer máis de preto as principais fontes de recursos que xeran emprego e riqueza na provincia”, segundo explicou Rosa Arza.

0.19081902503967